Que son as bolsas municipais
Axudas económicas, de carácter individual, que concede o Concello de Santiago de Compostela a familias, residentes neste termo municipal, que seguen tratamentos privados polas dificultades e/ou trastornos da aprendizaxe ou de adaptación ao contorno, por non recibilos en servizos públicos ou porque recibíndoos, son insuficientes. Estas axudas están dirixidas a contribuír a financiar os gastos derivados do tratamento de:
- Trastornos da aprendizaxe.
- Trastornos da linguaxe.
- Trastornos de conducta.
- Estimulación temperá.
- Altas capacidades intelectuais.
- Terapia ocupacional
Igualmente, estas axudas tamén van dirixidas a contribuír a financiar os gastos derivados da adquisición de alimentos que foran elaborados especificamente para persoas afectadas por enfermidade celíaca (produtos específicos).
Interesados
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
- Ser persoas menores de idade.
- Estar empadroadas, e con residencia efectiva, no ámbito territorial do termo municipal de Santiago de Compostela e permanecer de alta no Padrón Municipal mentres perciban a axuda.
- Acreditar, mediante informe de profesional colexiado, a necesidade de tratamento periódico administrado en calquera centro especializado e/ou de estar afectado por enfermidade celíaca.
- Non superar a renda máxima familiar anual: 5 veces o IPREM anual (12 pagas).
- Non ser persoa beneficiaria doutra axuda ou prestación pública polo mesmo concepto.
- Estar ao corrente durante todo o período subvencionable, e ata o último trámite de xustificación, no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co Concello de Santiago e coa Seguridade Social.
- Non incorrer en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Tramitación
As axudas poderán ser solicitadas no período de convocatoria anual polas persoas que consideren que reúnen os requisitos anteriores ou por quen exerza a súa representación.
A solicitude, irá acompañada da seguinte documentación:
- Impreso de solicitude cuberto e asinado pola persoa solicitante (titor/a, nai, pai, acolledor/a).
- DNI/NIE/pasaporte en vigor de cada membro da unidade familiar maior de idade.
- Libro de familia ou, de non o ter, da documentación oficial que o substitúa.
- Certificado bancario co código IBAN da conta na que desexa que ingresen a prestación no caso de que sexa concedida. (a nome da persoa solicitante da axuda).
- Informe de profesional colexiado que acredite a necesidade de tratamento periódico en centros especializados ou de estar diagnosticado de enfermidade celíaca.
- Declaración xurada na que se faga constar que a persoa non está sendo beneficiaria doutra prestación pública polo mesmo concepto.
- Dende o Servizo de Servizos Sociais poderase solicitar calquera outra documentación que se considere conveniente e aclaratoria para o procedemento.

