Bolsas Municipais para comedor, material escolar e actividades extraescolares.

Infancia e familia

Concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares ás unidades familiares e de convivencia, do Concello de Santiago de Compostela, que teñan persoas menores de idade ao seu cargo escolarizadas en centros docentes públicos ou concertados en Educación Infantil (segundo ciclo) e de Educación Primaria Obrigatoria.

Obxectivos

  • Facilitar a integración sociolaboral das nais, pais ou titores
  • Fomentar a dinámica relacional dos/as menores co seu grupo de iguais
  • Favorecer a súa participación e inclusión social, apoiando ás unidades familiares que, por dificultades socioeconómicas, non poidan facer fronte a estes gastos
  • Propiciar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Que servizos ofrece?

  • Bolsas para unidades familiares e de convivencia con escaseza de recursos económicos, destinadas a aquelas unidades familiares e de convivencia que, por situacións carenciais, teñen dificultades para afrontar gastos relacionados coa escolarización dos menores que teñen ao seu cargo, podendo optar a:
    • Bolsas de comedor: destinadas a facer fronte ao custo do servizo de comedor, ata un máximo de 90,00 €/mes. As persoas menores de idade que estean escolarizadas en Centros de Educación Especial a bolsa poderá ascender ata 180 €/mes.
    • Bolsas para a realización de actividades extraescolares: destinadas a sufragar actividades educativas, deportivas, culturais e xuvenís que se realicen nos centros educativos sostidos con fondos públicos, ata un máximo de 30,00 €/mes.
  • Bolsas para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das unidades familiares e de convivencia destinadas a sufragar o custo do comedor: 45,00 €/mes.
  • Bolsas para adquisición de material escolar, para o alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil destinadas a sufragar o material necesario para o inicio e desenvolvemento do curso académico, ata un máximo de 100,00 €, nun pago único.

Quen o pode solicitar?

Poderán ser beneficiarios destas axudas as nais, pais, titoras/es legais ou persoas encargadas da garda e protección dos menores o seu cargo que cursen o segundo ciclo de educación infantil e educación primaria en centros públicos e concertados do concello de Santiago de  Compostela e cumpran os seguintes requisitos xerais: 

  • Estar empadroadas, residir de forma efectiva no concello de Santiago de Compostela e convivir cos menores de idade para os que se solicita a bolsa.
  • Ser o/a proxenitor/a, posuír a tutela legal do menor ou menores para os que solicite a bolsa, ter concedido o acollemento familiar destes ou un permiso de convivencia autorizado pola administración pública con competencias na materia .
  • Estar matriculado/a ou ter reserva de matrícula para o curso 20212/2022.
  • Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  • Non incorrer en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • No caso das bolsas de comedor, o/a menor para os que se solicita a bolsa deberán contar con praza de comedor. De non ser así, aínda que sexa concedida, a axuda non se fará efectiva.
  • Asistir ao comedor do centro durante todo o curso escolar, agás os meses de setembro e xuño que poden ter carácter voluntario ou non ofrecer o centro ese servizo. Non se admitirán solicitudes na modalidade de fixos descontinuos nin esporádicos. De facer un uso irregular do servizo sen xustificación (ausencias superiores ao 10% dos días lectivos mensuais) poderá ser causa de extinción.

Requisitos específicos para solicitantes de bolsas por escaseza de recursos

  • Non superar a renda per cápita o máximo de IPREM anual, de conformidade co baremo establecido na base 8.
  • Alcanzar un mínimo de 10 puntos, en aplicación do baremo anteriormente mencionado.
  • No caso das bolsas para actividades extraescolares, o/a menor ou menores para quen se solicita a bolsa deberán contar con praza nelas e presentar preferentemente a través do enderezo electrónico bolsas.sociais@santiagodecompostela.gal   ou, no seu caso, por rexistro xeral unha certificación da matrícula nas actividades extraescolares na que conste a

Requisitos específicos para solicitantes de bolsas para conciliación

  • Non superar a renda máxima familiar anual: 3,5 veces o IPREM anual.
  • Acreditar a xornada laboral de ambos cónxuxes ou titoras/es legais ou das parellas de feito ou soamente da persoa solicitante no caso de separacións, divorcios e familias monoparentais.

Documentación

Documentación a presentar polos solicitantes de bolsas por escaseza de recursos

  • Impreso de solicitude cuberto e asinado pola persoa solicitante (titor/a, nai, pai, acolledor/a).
  • DNI/NIE/pasaporte en vigor de cada membro da unidade familiar maior de idade.
  • Libro de familia ou, de non o ter, da documentación oficial que o substitúa
  • De ser o caso, xustificante de ter realizada a preinscrición ou  reserva de praza nas actividades extraescolares para o curso 2022/2023.
  • Certificación bancaria do número da conta, con IBAN, constando como titular/cotitular desta o solicitante da bolsa, onde desexan que se realice a transferencia da contía da bolsa, só no caso de solicitar bolsas para material escolar (só alumnado do 2º ciclo de educación infantil).

Documentación a presentar polos solicitantes de bolsas para conciliación

  • Impreso de solicitude cuberto e asinado pola persoa solicitante (titor/a, nai, pai, acolledor/a).
  • DNI/NIE/pasaporte en vigor de cada membro da unidade familiar maior de idade.
  • Libro de familia ou, de non o ter, da documentación oficial que o substitúa
  • Certificado da empresa ou da persoa empregadora no que se faga constar a xornada laboral de cada un dos membros computables (pai, nai ou persoas que exerzan a tutela ou garda).

Outra documentación 

  • Carne de familia numerosa
  • Acreditación de situación de violencia de xénero
  • Libro de familia que acredite ser familiar monoparental, viuvez ou separación
  • Certificación de grao de discapacidade
  • Acreditación de ser familia acolledora

Como se realiza a tramitación?

Presentación en calquera Rexistro Público da seguinte documentación:

  • Impreso de solicitude debidamente cuberto e asinado.
  • DNI da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade familiar de convivencia.
  • Libro de familia ou documento oficial que o substitúa.
  • Xustificante de reserva de praza en actividades extraescolares, no caso de solicitalas.
  • Certificación bancaria co número de conta, no caso de solicitar material escolar.
  • No caso de solicitar bolsa por conciliación, certificado da empresa no que se faga constar a xornada laboral dos proxenitores.
  • No caso de alegar situacións específicas, tal como figura nas bases, documentos que o acreditan.

Data

Segundo bases de convocatoria.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local