Publicada a resolución provisional da convocatoria de bolsas de comedor, material e actividades extraescolares: un 40% mais de axudas concedidas e sen listas de agarda

05/08/2024 | Novas

Máis de 2.000 alumnos e alumnas serán beneficiarios no próximo curso 2024-2025 das bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares que concede a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, case un 40% máis que no curso anterior. Así se desprende da resolución provisional da convocatoria destas axudas, da que hoxe deu conta a concelleira María Rozas.

Ese ditame provisional foi publicado hoxe, e ábrese un prazo de exposición pública de dez días naturais para a presentación de posibles reclamacións.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude lembrou que neste curso “o Goberno fixo unha clara aposta pola igualdade de oportunidades e por chegar a máis familias coa convocatoria das bolsas de comedor, material e actividades extraescolares, e esta resolución provisional demostra que o conseguimos”.

María Rozas lembrou que o orzamento destinado a estas axudas medrou un 40% con respecto ao curso anterior, ata chegar ao 1.100.000 euros, “e situando a Santiago como a cidade galega que destina máis fondos por habitante a estas bolsas, con 11 euros por habitante fronte aos 4,6 de Vigo ou os 8 da Coruña”. A concelleira salientou que “en menos dunha década, psamos dos 85.000 euros orzados para estas bolsas, ao 1,1 millón de euros desta convocatoria”. Ademais, incidiu, “modificáronse os requisitos económicos para solicitar as bolsas, de maneira que sexan máis os alumnos e alumnas que teñan opción a recibilas”.

A edila de Dereitos e Servizos Sociais explicou que “precisamente atendendo a todas as novidades da convocatoria deste ano, queremos dar conta desta resolución provisional para que as familias poidan presentar as súas reclamacións se o consideran oportuno, e tamén para que coñezan con tempo de antelación se serán beneficiarias ou non destas axudas”. O prazo de exposición pública finaliza o 15 de agosto pero, tal e como explicou a xefa de servizo de Dereitos Sociais, Teresa Furelos, “poderanse presentar reclamacións ata o luns 19 de agosto, ese día incluído”. A partir desa data, aprobarase a resolución definitiva.

Máis alumnado beneficiario e sen lista de agarda

Atendendo á resolución provisional, que podería sufrir lixeiras variacións tras o periodo de reclamacións, “no vindeiro curso serán máis de 2.000 os alumnos e alumnas que reciban algún tipo de bolsa, fronte aos 1.451 do curso anterior”. O incremento de beneficiarios e beneficiarias prodúcese en todas as modalidades, especialmente na de bolsas de comedor por razóns de conciliación, cun 93% de axudas concedidas provisionalmente máis, e na de material escolar, na que o incremento é do 67%. María Rozas explicou que estes aumentos “están relacionados cos novos requisitos económicos para acceder ás bolsas, incrementando os límites de ingresos esixidos na convocatoria”. Pola súa banda, a xefa de servizo de Servizos Sociais, Teresa Furelos, destacou que “por primeira vez non quedou ningunha crianza en lista de agarda en ningunha das modalidades de bolsas da convocatoria”.

Así, segundo a resolución provisional aprobada hoxe, no curso 2024-2025 haberá 309 alumnos e alumnas que reciban bolsa de comedor escolar na modalidade de conciliación, fronte ás 160 do curso anterior, e as axudas para material escolar chegarán a 279 alumnos e alumnas (167 na anterior convocatoria), que ademais percibirán 100 euros, 40 máis dos que se prevían na convocatoria anterior.

Nas outras dúas tipoloxías de axudas da convocatoria tamén hai incrementos no número de persoas beneficiarias. As bolsas de actividades extraescolares chegan nesta resolución provisional a 602 alumnos e alumnas, un 23% máis que no curso anterior no que foron concedidas 487 axudas; e as bolsas de comedor na modalidade de escaseza de recursos pasan de 637 beneficiarios a 822, cunha suba do 29%.

En total, na resolución provisional publicada hoxe concédense 2.012 bolsas nas diferentes modalidades, cun orzamento total de 1.050.000 euros; mentres que a convocatoria do curso anterior se resolveu con 1.451 axudas concedidas por un total de 795.000 euros.

https://servizossociais.santiagodecompostela.gal/wp-content/uploads/2024/08/resolucion-provisional.pdf

 

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local