As subvencións chegarán a máis de medio cento de familias, algunhas delas con máis dun menor beneficiario. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, mostrouse moi satisfeita co resultado desta primeira convocatoria e avanzou a súa intención de reforzar as axudas de cara aos próximos anos.
A tenenta de alcaldesa deu conta hoxe da resolución definitiva da convocatoria, “pensada para colaborar coas familias con menores que necesitan recibir tratamentos relacionados con trastornos da aprendizaxe, da linguaxe ou da conducta; que precisan de estimulación temperá ou terapia ocupacional; que poden estar en proceso de avaliación dun TDH ou trastorno do espectro autista, ou mesmo que teñen altas capacidades intelectuais e requiren tamén por iso dun apoio específico”. Así, as axudas permiten cubrir gastos de servizos como atención psicolóxica, logopedia, terapia ocupacional ou atención temperá, así como a compra de produtos sen glute no caso de nenos e nenas con celiaquía.
Da convocatoria resultaron beneficiarias 52 familias e un total de 59 menores. A maioría delas recibirán unha axuda de 1.200 euros, o máximo contemplado na convocatoria para cada menor. Tamén hai familias que recibirán subvencións de 1.600 e de 2.400 euros.
Por tipoloxía de prestacións, concedéronse 25 axudas para a atención a trastornos da aprendizaxe, 15 para a atención a trastornos da linguaxe, e 7 para a cobertura do servizo de terapia ocupacional. Seis menores recibirán unha bolsa para o tratamento de trastornos de conducta, e outros seis para a compra de produtos específicos para persoas con enfermidade celíaca. Á convocatoria presentáronse un total de 111 solicitudes, se ben non todas elas cumprían os requisitos. Un total de 11 solicitudes non puideron ser atendidas por terse esgotado o orzamento, que se distribuiu atendendo a criterios de renda.
A tenenta de alcaldesa mostrouse moi satisfeita co resultado da convocatoria “que espertou un gran interese, confirmando que é unha liña de axudas necesaria, e que o é porque o sistema público presenta numerosas carencias en servizos que ou ben non presta, ou o fai de maneira insuficiente, ou con listas de agarda inasumibles para as familias”. Neste sentido, insistiu en que “que un neno oun nena reciba atención profesional de maneira temperá e coa frecuencia axeitada pode ser determinante no seu desenvolvemento persoal e mesmo condicionar a súa vida adulta”. Por iso, sinalou María Rozas, “queremos facilitar que as familias con menos recursos poidan acceder a tratamentos e terapias que non se ofrecen desde o público”.
A convocatoria estaba destinada ás persoas menores de idade empadroadas en Santiago, que acrediten mediante un informe de profesional colexiado que precisan un tratamento periódico ou que están afectadas pola enfermidade celíaca, e cunha renda máxima familiar anual que non supere 5 veces o IPREM anual en 12 pagas (é dicir, 36.000 euros anuais). As axudas cubren ata o 90% dos tratamentos, ata un máximo de 1.200 euros por menor, e pódense xustificar os gastos realizados ao longo deste 2025, entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro.

