A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este xoves no Cersia na inauguración do Congreso da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de Lucro (CEGASAL).
Na súa intervención, a rexedora valorou que a realización dun traballo retribuído é unha das principais mostras de inclusión das persoas con discapacidade na sociedade e subliñou que xerar todas as oportunidades posibles para crear emprego de calidade é unha obriga legal e ética das administracións
Dende o convencemento de que é preciso dar exemplo, a alcaldesa falou da situación do Concello de Santiago e lembrou que marcou algúns fitos na súa historia a través da contratación do que foi o primeiro centro especial de emprego de Galicia, para encargarse do servizo de recollida de papel e o cartón. Tamén contribuíu á inclusión de persoas con discapacidade mediante a contratación de persoal para o mantemento de zonas verdes. O Concello desenvolve ademais outras vías de colaboración no marco das políticas de emprego, de promoción económica e de benestar social.
Goretti Sanmartín lembrou que en 2017 estabeleceuse o 5% do volume de contratación en mantemento e conservación de zonas verdes, de bens inmobles, dos servizos de restauración, catering e hostalaría, da recollida e transporte de residuos, dos servizos auxiliares e de conserxería, da dixitalización e tratamento documental, dos servizos de artes gráficas, mensaxería, e outros relacionados con actividades de especial perspectiva social, como límite mínimo para reservar á contratación con centros especiais de emprego e empresas de inserción.
Nese sentido, a alcaldesa recoñeceu a dificultade da Administración local para verificar o cumprimento destes obxectivos e ofreceu o compromiso político e a vontade firme de seguir ampliando as cotas na contratación reservada con centros especiais de emprego.
