O Encontro Artes pola Integración regresa a Santiago na súa XIII edición

13/06/2024 | Novas

Santiago e A Coruña comparten este ano a programación do XIII Encontro Artes pola Integración, que regresa á capital galega despois de varias edicións tendo á cidade herculina como única sede. O festival, que se desenvolverá entre o 19 de xuño e o 6 de xullo, utiliza as artes escénicas como vehículo de integración e vertebración social e como ferramenta para visibilizar proxectos e persoas con diferentes capacidades. O programa conta co apoio da concellarías de Capital Cultural e de Dereitos e Servizos Sociais.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, foi a encargada de presentar a programación do XIII Encontro Artes pola Integración, acompañada pola súa directora artística, Carlota Pérez. Na rolda de prensa tamén participou a responsable de Cultura na Deputación da Coruña, Natividade González. A tenenta de alcaldesa mostrou a súa satisfacción “porque o festival volva estar centralizado en Santiago, aínda compartindo sede coa Coruña, dentro da vocación de Compostela por ser a capital da cultura, da integración e do benestar social de Galicia“. Rozas loubou “non só a calidade artística do programa, senón sobre todo o traballo que ao seu abeiro se desenvolve con persoas con diferentes capacidades, demostrando que o talento artístico non entende de exclusións“.

Artes pola Integración é un festival de transformación social a través das artes, que botou a andar en 2012 para visibilizar proxectos de comunidades afastadas ou de persoas “con diversidades funcionais, e con talentos artísticos non comúns“. O encontro desenvolverase en espazos escénicos, pero tamén na propia rúa ou en espazos institucionais, que acollerán diferentes proxectos artísticos tanto de orixe local como estatais e internacionais. Ademais, haberá xornadas de reflexión e debate, así como diferentes actividades formativas.

O XIII Encontro Artes pola Integración comezará o próximo mércores, 19 de xuño, no Auditorio de Galicia. Alí porase en escena un adianto da obra “Cerebrartes“, un proxecto financiado pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais no que Carlota Pérez leva traballando desde comezos de ano cun grupo de 20 rapaces e rapazas, e que pretende explorar a danza e o teatro desde o punto de vista da neurociencia. Varias das persoas que participan desa experiencia estiveron tamén hoxe na rolda de prensa. A montaxe íntegra, coa participación tamén da Banda Municipal de Música, poderase ver no mes de outubro. A esta peza seguiralle unha proposta da compañía catalá Promena. Xa no 22 de xuño, o hall do CGAC acollerá outra proposta da compañía Experimentadanza, co título de Tuétano.

O 6 de xullo, o XIII Encontro Artes pola Integración aterrará no centro sociocultural Maruxa e Coralia, cunha mostra de videodanzas en colaboración co Fiver Dance Film Festival, a proxección do documental “Tres mujeres“, de Alexis Delgado. A xornada completarase cunha mesa de debate baixo o epígrafe “Territorios que crean”, na que se presentarán diferentes proxectos como a Rede Aldear, Museum&Me ou a escola Waldorf Meniñeiros de Friol; e na que intervirán a arteterapeuta e artista disciplinar Rebeca Ponte; a xerente da rede museística de Lugo, Encarna Lago; o psicólogo Vicente Galaso; a bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo; ou Carlota Pérez e Jordi Cortés, da asociación Diversos.

Tamén na tarde do 6 de xullo está previsto un concurso de pezas para a comunidade, que se desenvolverá no parque de Bonaval e que estará presentado por Adriana Paulos. Poderán participar grupos de entre unha e 5 persoas, nos que algún dos seus integrantes teña recoñecida unha discapacidade física ou psíquica. Haberá dúas pezas galardoadas, e recibirán premios de 500 euros cada unha delas.

Por último, desde o 15 ata o 30 de xuño poderase visitar no CSC Maruxa e Coralia a exposición “A pequena Bauhaus“, un proxecto de deseño e artesanía protagonizado por nenas e nenos de 9 a 14 años e no que recoñecidos artísticos realizan obradoiros para compartir o seu traballo.

NOTA: O espectáculo ‘Tuétano’ previsto para o sábado 22 de xuño ás 18:00 horas na prisión de Teixeiro, celebrarase finalmente no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago na mesma data e hora.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local