O grupo motor reuniuse coincidindo co Día Internacional da Infancia para avanzar na organización desta sesión, na que 52 nenos e nenas poderán trasladar as súas propostas e preocupacións á Corporación municipal.

O grupo motor do Consello Local da Infancia de Santiago vén de celebrar unha nova xuntanza coincidindo co Día Internacional da Infancia, que se conmemora cada 20 de novembro. O encontro permitiu continuar co traballo deste órgano de participación e avanzar na preparación do Pleno infantil, que terá lugar o vindeiro 30 de novembro.

Nesta sesión participarán 52 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos de Santiago. Será unha oportunidade para que os conselleiros e conselleiras expresen as súas ideas, propostas, necesidades e preocupacións directamente diante de representantes de todos os grupos da Corporación municipal.

O Consello Local da Infancia, impulsado pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, é un espazo no que os nenos e nenas poden participar activamente na vida da cidade e facer chegar a súa voz ás persoas responsables das decisións municipais.

A súa posta en marcha responde ao recoñecemento da participación como un dos dereitos fundamentais da infancia, recollido na Convención sobre os Dereitos do Neno, ao mesmo nivel que outros dereitos esenciais como a saúde ou a educación.

O grupo motor está integrado por máis de medio cento de nenos e nenas que decidiron participar nesta iniciativa por propia vontade ou a proposta dos seus centros educativos, das ANPAS ou de entidades sociais vinculadas á infancia.

Compostela tamén se constrúe contando coa opinión dos nenos e das nenas.