Hoxe, 20 de novembro, conmemórase o Día Mundial da Infancia, un día dedicado a todos os nenos e nenas do mundo no que se celebra o aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada en 1989. Trátase dunha oportunidade para dar especial relevancia á infancia na axenda pública, reafirmar a vixencia da Convención sobre os dereitos dos nenos e das nenas e poñer a mirada nos cambios necesarios para que o seu contido sexa realidade para todos e en calquera lugar.
Este documento, clave para o desenvolvemento da infancia nas últimas décadas, apela no seu artigo 12 á necesidade de dar aos nenos e nenas a oportunidade de ser escoitados, directamente ou a través dun órgano apropiado, en todos aqueles procedementos que lle afecten.
Partindo destas ideas e entendendo as institucións políticas como responsables de que o dereito á participación se vexa cumprido nos seus territorios, esta mañá o Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a celebración dun pleno infantil cuxo obxectivo é darlle aos nenos e nenas a posibilidade de compartir ideas e propoñer iniciativas coas que mellorar o cumprimento da CDN na súa contorna e promover o seu dereito a decidir sobre os temas que lles afecten a nivel local.
O Concello de Santiago amosa o seu compromiso coa infancia e a necesaria concienciación da cidadanía sobre a importancia de seguir traballando e sumando esforzos, para que os dereitos dos nenos e nenas se vexan cumpridos en todo momento e en todo o mundo.
Nesta ocasión participaron de forma presencial de un grupo de nenos e nenas de 6º de primaria do Colexio das Fontiñas, que coñeceron de primeira man o funcionamento do Pleno municipal e lle trasladaron varias peticións de mellora das instalacións do seu centro e do barrio á alcaldesa e ao resto das/os concelleiras/os presentes.