O Concello súmase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano

08/04/2024 | Novas

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Isabel Suárez, coordinadora da Fundación Secretario Xitano (FSG) en Santiago, e representantes dos demais grupos municipais, deron lectura ao manifesto institucional en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que tamén se celebra coa colocación da bandeira ou co canto do himno Gelem, Gelem, símbolos deste colectivo.

Un ano máis, o Concello de Santiago sumouse a esta celebración cun acto de celebración que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi co que se quixo lembrar a historia do pobo xitano, e tamén denunciar as situacións de discriminación e exclusión que este colectivo segue a sufrir no día a día. A data non é casual, elixiuse para conmemorar a celebración do I Congreso mundial roma/xitano o 8 de abril de 1971.

A celebración deste día inclúe o izado da bandeira xitana, que se colocou na escaleira de acceso á zona nobre do Pazo de Raxoi; a interpretación do himno xitano Gelem, Gelem; así como a lectura dunha declaración institucional, que levaron a cabo o alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os representantes dos grupos municipais Marta Álvarez (PSdG); José Antonio Constenla (PP), Míriam Louzao (BNG) e María Rozas (CA).

A rexedora, acompañada de Isabel Suárez, coordinadora da Fundación Secratario Xitano (FSG) en Santiago, abriu o acto defendendo un futuro sen discriminación para este colectivo “no que a diversidade e a singularidade identitaria sumen e sexan fonte de riqueza cultural e social para o conxunto da cidadanía“.

A continuación levouse a cabo a lectura da Declaración institucional na que se aludiu á celebración do 600º aniversario da chegada das primeiras persoas xitanas á Península, o próximo 2025, salientando que “os xitanos e as xitanas seguen sendo un pobo esencialmente descoñecido. E nese descoñecemento habitan os prexuízos, os receos e, polo tanto, o rexeitamento e a discriminación que converten ao pobo xitano na minoría máis repudiada socialmente en toda Europa“.

Para loitar contra isto, na declaración apélase á “construción de espazos e dinámicas que permitan coñecer mellor ao pobo xitano” e ao compromiso desde os poderes públicos para “xerar esas oportunidades e reforzar políticas públicas que permitan demoler as barreiras existentes e que propicien o exercicio da súa cidadanía en igualdade de condicións, dunha maneira real e efectiva“, xa que aínda seguen existindo situacións para este grupo como a súa sobrerepresentación na pobreza “cunha grave desigualdade educativa que limita as súas oportunidades laborais de futuro, e con situacións de segregación, tanto escolar como residencial”·

O acto pechouse coas intervencións dalgúns dos mozos e mozas do colectivo xitano que asistiron ao acto e co visionado dun vídeo.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local