O Concello de Santiago fai un chamamento á veciñanza para facerse doante de órganos, “un xesto solidario que non custa nada e que pode salvar moitas vidas“. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica Económica e Xuventude, María Rozas, e o coordinador de Alcer Coruña, Alfredo Saborido, compareceron hoxe en rolda de prensa, para dar conta dalgunhas das iniciativas que se van desenvolver con motivo do Día do Doante, que se celebra o próximo mércores.
María Rozas explicou que “desde o Concello queremos apoiar e darlle difusión á mensaxe que Alcer lanza con motivo do Día do Doante, que a asociación vén celebrando o primeiro mércores de cada mes de xuño desde hai xa 40 anos“. A concelleira lembrou que a concellaría de Dereitos Sociais “mantén desde hai anos un convenio con Alcer, para colaborar no seu programa de promoción da doazón de órganos e levar a información ao respecto a ámbitos que non sexan estritamente sanitarios, senón que forman parte da vida cotiá da xente“. Nese sentido, este ano Alcer quixo contar coa colaboración dos concelleiros e concelleiras do Goberno, nun video que se vai difundir nas redes sociais para lanzar unha mensaxe clara: “Doar é doado“.
Ademais diso, o Concello vai difundir a mensaxe de Alcer nunha campaña específica de mailing, e colabora coa mesa informativa que estará localizada na praza do Toural o 5 de xuño, en horario de 17:00 a 20:00 horas.
“Autonomía para decidir sobre o propio corpo”
O coordinador de Alcer Coruña recoñeceu que aínda perviven algúns falsos mitos sobre a doazón de órganos, “malia que España está á cabeza dos rankings mundiais no que ten que ver cos transplantes”. Alfredo Saborido explicou que “doar é o acto máis altruísta e solidario que se pode realizar”, pero tamén quixo incidir no exercicio da autonomía das persoas á hora de elixir que facer co seu propio corpo: “temos a opción de escoller en vida e facernos doantes, da mesma maneira que facemos testamento para decidir que vai pasar coas nosas propiedades; porque se non eliximos antes, serán as nosas familias as que teñan que decidir en momentos moi delicados“.
Segundo os datos que facilitou Alfredo Saborido, no ano 2023 en todo o Estado houbo 2346 doantes falecidos, un 7% máis que o ano anterior; e 435 doantes vivos, cun incremento do 24%. O coordinador de Alcer Coruña explicou que a maioría das negativas de familiares para a doazón de órganos dos seus seres queridos “teñen máis que ver no momento no que a lei lles fai decidir que coa falta de información sobre o que supón ese xesto“.