A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais reforza a súa colaboración coas entidades que prestan apoio ás persoas con trastorno do espectro autista e ás súas familias. O departamento que dirixe María Rozas vén de aprobar, por primeira vez, un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Asperger, ASPERGA, que se suma ao xa existente con ASPANAES, que duplica a súa dotación. Cada unha das entidades recibirá unha achega municipal de 10.000 euros.
O convenio coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia, ASPANAES, ten como finalidade a execución do programa de información, orientación, valoración e apoio familiar para persoas con TEA. O obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas e das súas familias, tanto a través das propias ferramentas facilitadas por ASPANAES como facilitando a información sobre outros recursos dispoñibles. A achega municipal ao convenio duplícase con respecto ao ano pasado, ata chegar aos 10.000 euros.
En canto á Asociación Galega de Asperger, ASPERGA, é a primeira vez que asina un convenio de colaboración co Concello de Santiago. A entidade recibirá unha achega municipal de 10.000 euros para o financiamiento do programa de orientación e asesoramento telefónico e de primeira consulta. Este servizo, de carácter gratuíto, contempla unha primeira consulta individualizada con persoal técnico especializado, para propoñer un plan de acción adaptado ás necesidades de cada persoa.
Outros convenios
Nas últimas semanas, o Concello de Santiago aprobou tamén outros importantes convenios con entidades sociais. Así, recibiu luz verde o acordo de colaboración coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES (60.000 euros), a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con demencia tipo Alzheimer, AGADEA (3.000 euros); a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (5.000 euros), ou a Fundación Down Compostela (15.000 euros).