A concelleira María Rozas presentou hoxe a iniciativa acompañada por Nerea Arceo, representante da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, e Patricia Baños, psicóloga da entidade. A tenenta de alcaldesa salientou a importancia da actividade física “para termos unha vida máis saudable, e en concreto na prevención e no tratamento do cancro”. María Rozas tamén destacou que estas rutas “permiten tecer comunidade e crear lazos entre pacientes oncolóxicas e as súas familias”
Pola súa banda, Nerea Arceo e Patricia Baños explicaron que o obxectivo do programa é facer exercicio “pero sobre todo crear rutinas saudables, de balde e accesibles para todos e todas, e que se desenvolven en compañía”.
O programa de Rutas Saudables forma parte das accións de prevención da Asociación Española Contra o Cancro, e consiste en paseos de entre 60 e 90 minutos de duración, guiados por persoas voluntarias que acompañan e velan pola seguridade e benestar dos e das participantes. Os percorridos, deseñados en colaboración co Concello, transcorren por distintos puntos da cidade e permiten descubrir espazos como o Parque Eugenio Granell, a Carballeira de San Lourenzo, o Parque de Belvís ou o Xardín de Fonseca.
As Rutas Saudables celebraranse os martes, a partir das 11.00 horas, e cunha periodicidade quincenal. A primeira saída será o martes 14 de outubro. A actividade está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos e ofrece a oportunidade de mellorar a saúde física e emocional mediante a práctica regular de exercicio en grupo, favorecendo ao mesmo tempo a socialización nun contorno urbano e natural.
Inscricións abertas
As persoas interesadas poden inscribirse na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago (Avda. Barcelona, 29 baixo), chamando ao teléfono 981 576 479 ou a través do correo electrónico santiago.compostela@contraelcancer.es. Para participar é necesario realizar unha inscrición previa e completar un breve cuestionario antes e despois do programa, que permitirá avaliar a eficacia da iniciativa e comprobar como mellora o estado de saúde das persoas participantes.
As Rutas Saudables da Asociación enmárcanse no Plan 2 Millóns, un proxecto impulsado polo Clúster do Deporte Galego que busca incrementar os niveis de actividade física en dous millóns de galegos e galegas, contribuíndo así a unha vida máis activa e saudable.
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 72 anos, con máis de 728.000 socios e socias e 35.000 persoas voluntarias. A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Na actualidade destina 143 millóns de euros a 750 proxectos de investigación nos que participan máis de 2.300 investigadores e investigadoras. Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 136.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada.