O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, require a determinadas persoas beneficiarias das bolsas destinadas a sufragar gastos relacionados con medidas terapéuticas que apoien o desenvolvemento e o benestar persoal de 2026 que completen a documentación presentada para xustificar a axuda.

Que documentación hai que presentar?

As persoas incluídas no requirimento deberán achegar os xustificantes que acrediten que as facturas presentadas foron efectivamente pagadas.

A documentación que hai que presentar depende do medio de pagamento utilizado:

  • Transferencia bancaria: xustificante bancario da operación, no que aparezan os datos da persoa que realiza o pagamento, da persoa ou entidade que o recibe, a data e o importe.
  • Pagamento con tarxeta: extracto bancario ou da tarxeta no que figure o cargo, a persoa titular, o establecemento, a data e o importe.
  • Domiciliación bancaria: recibo ou extracto da conta no que consten o cargo, a persoa titular, a entidade emisora, a data e o importe.
  • Bizum: xustificante da operación emitido pola entidade financeira, cos datos da persoa que realiza o pagamento, da persoa ou entidade destinataria, a data e o importe.
  • Pagamento en efectivo: recibo ou factura coa indicación de «pagado», sinatura ou selo da persoa ou entidade que recibe o pagamento, e cos datos identificativos, a data e o importe.

Cal é o prazo para presentar a documentación?

O prazo é de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no taboleiro de edictos electrónico e na sede electrónica do Concello.

A documentación poderá presentarse preferentemente por vía electrónica a través da Sede electrónica do Concello de Santiago ou do Rexistro Electrónico Xeral. Tamén poderá entregarse na oficina municipal de asistencia en materia de rexistros ou en calquera dos lugares previstos na normativa vixente.

Como saber se teño que presentar esta documentación?

As persoas interesadas poden consultar o anuncio completo e comprobar se están incluídas na relación de persoas requiridas que figura no anexo. A identificación realízase mediante o número de rexistro da solicitude e as cifras correspondentes do DNI ou NIE.

É importante presentar a documentación solicitada dentro do prazo establecido. De non facelo, os gastos afectados poderán considerarse non xustificados, o que poderá dar lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobro da axuda.

Consulta aquí o anuncio completo e a relación de persoas requiridas.

https://servizossociais.santiagodecompostela.gal/wp-content/uploads/2026/11/ANUNCIO-SUBSAN-TERAP-2026-galego_signed.pdf