A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, participou hoxe na inauguración da xornada “Medrando con Diabetes”, organizada por ANEDIA, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia, para dar visibilidade á realidade das persoas que conviven con esta enfermidade e ás necesidades das súas familias.

Durante a súa intervención, María Rozas agradeceu o traballo que realiza ANEDIA para acompañar as persoas con diabetes e as súas familias, e puxo o foco na importancia de avanzar cara a unha sociedade máis informada, sensible e preparada para dar resposta ás súas necesidades.

A tenenta de alcaldesa reclamou “máis investigación, máis apoio emocional e máis recursos nos centros educativos para que os nenos e nenas con diabetes poidan desfrutar da súa vida escolar en igualdade de condicións, e con tranquilidade para as súas familias”.

A diabete forma parte do día a día de moitos nenos e nenas, tamén cando están na escola, participan en actividades ou comparten tempo coas súas amizades. Por iso, é fundamental que conten co apoio e os recursos necesarios para vivir esta etapa con seguridade, autonomía e sen que a enfermidade supoña unha barreira para a súa participación.

Neste sentido, a colaboración entre as familias, os centros educativos, os profesionais sanitarios e as asociacións resulta esencial para ofrecer unha resposta adecuada, favorecer a inclusión e reducir a preocupación que pode acompañar ás familias no coidado dos seus fillos e fillas.

Con esta participación, o Concello de Santiago reafirma a importancia de dar visibilidade á realidade das persoas con diabete e de avanzar no compromiso colectivo para que ningún neno ou nena vexa limitadas as súas oportunidades por convivir con esta enfermidade.