A rexedora compostelá defende no 25 aniversario de IGAXES a necesidade de dotar de máis recursos o sistema de protección da infancia e garantir a inclusión real das nenas, nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, inaugurou este xoves o acto de conmemoración do 25 aniversario da ONG IGAXES, celebrado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.

A rexedora compostelá puxo o foco en que “a infancia debera ser, por dereito estrito, un territorio protexido”, polo que defendeu que a loita contra a pobreza infantil, contra o racismo e pola inclusión real ten que constituír o cerne mesmo da acción política.

Desde a memoria da emigración do pobo galego, Goretti Sanmartín aludiu aos “feitos descorazonadores” sucedidos en Ceuta e á utilización da miseria e a soidade de nenas e nenos para sementar discursos que xeran odio e racismo. Así, recoñeceu a acollida como unha obriga humana e competencial que cómpre dotar dos recursos necesarios, fronte ao “infrafinanciamento crónico” do sistema de protección.

Nese sentido, avogou por destinar un maior orzamento para garantir unha educación plenamente inclusiva, o acceso a unha vivenda digna e a inserción laboral para os e as menores que chega ao momento de se emancipar. “Os nenos e nenas do sistema de protección son os nosos fillos e fillas”, afirmou.

A alcaldesa expresou tamén a súa “profunda gratitude” a IGAXES por ser “a rede, o apoio e a dignidade alí onde a administración moitas veces non chega” e gabou o seu labor coma “un faro imprescindible”.

Na inauguración participaron tamén Susana Pérez Crespo, presidenta de Igaxes; Rubén Pérez Correa, secretario de Estado de Xuventude e Infancia do Goberno de España; e Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade. Ao acto asistiron tamén a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e outros membros da Corporación Municipal.