CONVENIO COA COCIÑA ECONOMICA

13/07/2023 | Novas

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, visitou as instalacións da Cociña Económica, acompañada polo presidente da entidade, Manuel José Botana, o vicesecretario, Fernando Barros, e o coordinador, Javier Brage. No marco da visita quedou asinado o convenio de colaboración entre o Concello e a Cociña Económica, que supón unha achega municipal á entidade de 60.000 euros.

María Rozas agradeceu o traballo que desenvolve a Cociña Económica, “unha das entidades que máis está a notar as consecuencias da crise derivada da pandemia, cun notable incremento de persoas usuarias”. Segundo os datos da entidade, en 2022 a Cociña Económica serviu case 93.000 menús, dos que 52.300 foron xantares. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais expresou a súa vontade de “manter a colaboración entre o Concello e a Cociña Económica, tanto a través do convenio asinado hoxe como noutras iniciativas que sexan de interese“.

Pola súa banda, o presidente da Cociña Económica agradeceu a visita de María Rozas, e a vontade de colaboración manifestada pola concelleira. Manuel José Botana explicou que “para a nosa entidade é fundamental esta axuda que recibe do Concello, así como as achegas doutras administracións“.

Aproveitando a sinatura do convenio, María Rozas percorreu as dependencias da Cociña Económica e puido conversar con algunhas das sores e do persoal que atende as instalacións. A Cociña Económica, creada en 1891, ofrece servizo de comedor, cunha media de 200 usuarios e usuarias diarios nos distintos turnos de almorzo, xantar e cea; e conta tamén cun centro de día, que en 2022 tivo máis de 30 usuarios diarios de media.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local