Somos os

SERVIZOS SOCIAIS

Santiago de Compostela

Os servizos para servirte

A CONCELLARÍA

Concelleira de Dereitos e

Servizos Sociais, Promoción

Económica e Xuventude

ORGANIGRAMA

MEMORIA ANUAL

Concelleira de Dereitos e

Servizos Sociais, Promoción

Económica e Xuventude

Detectamos necesidades sociais na contorna e activamos recursos que melloren a calidade de vida de cada persoa e a da súa comunidade.

Un apoio real aos dereitos da veciñanza

Axudámosche a cubrir as túas necesidades básicas, a afrontar situacións de risco, favorecendo a inclusión e a participación na comunidade, apoiándote para superar barreiras e que poidas desenvolverte en condicións de igualdade.

Que facemos?

Escoitamos e atendemos as situacións persoais, facendo un diagnóstico técnico e valorando contigo a mellor intervención posible.

Xestionamos prestacións e subvencións económicas, facemos seguimento de proxectos e damos apoio profesional durante todo o proceso.

Ofrecémosche información, orientación e asesoramento, para que coñezas e poidas acceder aos recursos sociais existentes.

Activamos e coordinamos o Servizo de Axuda no Fogar, e colaboramos na xestión de prestacións para garantir a túa autonomía e atención á dependencia.

Detectamos situacións de risco e colectivos vulnerables, actuando de forma temperá para previr problemas maiores.

w

Elaboramos plans de intervención comunitaria baseados no estudo e diagnóstico social da comunidade.

Promovemos a participación cidadá, impulsando accións socioeducativas que reforzan a cohesión social e a solidariedade.

Facilitamos recursos de atención externos, apoiamos e financiamos asociacións e organizacións de desenvolvemento social para multiplicar a atención e recursos na nosa comunidade.

Servizos comunitarios BÁSICOS

Somos a porta de entrada á atención dos servizos sociais.

Se necesitas apoio, estamos preto!

Escoitámoste, analizamos contigo as túas dificultades e axudámoste a activar os recursos que precisas para mellorar a túa calidade de vida.

Servizos Sociais comunitarios ESPECÍFICOS

Se formas parte dun colectivo cunha situación ou necesidade específica este é o teu lugar!
Traballamos para ofrecerche apoio adaptado e eficaz!
Poñemos en marcha programas específicos e xestionamos centros orientados a cubrir as túas necesidades singulares e identificadas.

Servizos Sociais de URXENCIA (SEMUS)

Se estás vivindo ou detectas unha situación de urxencia social fóra do horario habitual, contacta con nós!

  • Actuamos ante situacións inesperadas de desprotección social.
  • Realizamos rutas con unidades móbiles para atender as persoas sen fogar.
  • Activamos dispositivos especiais en caso de frío ou condicións meteorolóxicas extremas.
  • Ofrecemos atención inmediata e especializada en casos de vulnerabilidade:
    • De luns a venres: de 15:00h – 8:00 h (día seguinte)
      Fins de semana e festivos: atención 24 horas
      Chama ao 112 ou ao 981 54 23 23
      Atenderémoste!

Cales son os nosos servizos?

ECONÓMICO
Prestacións para necesidades básicas, para sufragar gastos de aloxamento e de pobreza enerxética, saúde bucodental, formación e apoio social puntual.

EDUCACIÓN E APOIO FAMILIAR
Programas de protección infantil, orientación e intervención familiar.

PERSOAS SEN FOGAR
Atención a situacións de exclusión, prestacións para a inclusión social e programas de acompañamento social.

PERSOAS MAIORES / DEPENDENCIA / DISCAPACIDADE
Axuda no fogar, prestacións complementarias, servizos de atención domiciliaria, apoio para persoas con discapacidade e/ou dependencia.

IGUALDADE E COHESIÓN SOCIAL
Programas de igualdade, prevención de violencia, promoción de políticas inclusivas.

TRÁMITES E XESTIÓNS
Información sobre servizos, cita previa con persoal técnico, orientación e documentación necesaria.

Normativa de interese

Regulamento de funcionamento interno do Consello Municipal de Persoas Maiores do concello de Santiago de Compostela (BOP da Coruña do 7 de outubro de 2021)

&

Ordenanza de garantía básica cidadá do concello de Santiago de Compostela (BOP da Coruña do 31 de agosto de 2016)

&

Ordenanza reguladora do servizo municipal no fogar do concello de Santiago de Compostela (BOP da Coruña do 7 de febreiro de 2014)

&

Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG nº 63 do 30 de marzo de 2012)

&

Ordenanza reguladora da Casa das Asociacións de Benestar Social (BOP da Coruña do 30 de abril de 2009)

&

Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245 do 18 de decembro de 2008)

&

Dereitos das persoas en relación cos servizos sociais

Carta de DEREITOS das persoas en relación cos servizos sociais (art. 6 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia)

  • Ao respecto da dignidade da persoa, da súa autonomía, intimidade e do seu benestar.
  • A utilizar o sistema de servizos sociais en condicións de igualdade e sen discriminación.
  • A recibir un trato acorde coa dignidade da persoa e co respecto dos dereitos e das liberdades fundamentais.
  • A unha intervención individualizada, acorde coas súas necesidades específicas, así como a que se lles asista nos trámites necesarios.
  • A recibir información de xeito áxil, suficiente e veraz, en termos comprensibles, sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais.
  • A ter asignada unha persoa profesional de referencia.
  • Á confidencialidade, ao sixilo e ao respecto en relación cos seus datos persoais e coa súa información que sexa coñecida polos Servizos Sociais.
  • A acceder ao seu expediente persoal e a obter copia del.
  • A elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso.
  • A rexeitar a oferta de participación en servizos ou programas que lles oferte o sistema.
  • Á calidade dos servizos e prestacións recibidas.
  • A dar instrucións previas respecto da asistencia ou dos coidados que se lles poidan administrar.
  • Ao respecto dos dereitos lingüísticos das persoas usuarias.

Funcións dos servizos sociais comunitarios Básicos

FUNCIÓNS DOS SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS BÁSICOS (art. 11 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia)

  • O estudo e diagnóstico social da comunidade.
  • A elaboración dun plan de intervención comunitario.
  • A identificación de grupos de poboación vulnerables e a detección precoz de situacións de risco.
  • A atención das situacións individuais, a información, o diagnóstico e a valoración técnica.
  • A participación na xestión das prestacións económicas e o seguimento dos correspondentes proxectos de intervención social.
  • A xestión do servizo de axuda no fogar e a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia.
  • A información, a orientación e o asesoramento a toda a poboación, facilitando o seu acceso aos recursos sociais existentes.
  • O fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidariedade social.

Deberes das persoas en relación cos servizos sociais

Carta de DEBERES das persoas en relación cos servizos sociais (art. 7 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia)

  • Cumprir as normas, os requisitos e os procedementos para o acceso ao sistema galego de servizos sociais.
  • Comunicarlle ao persoal de referencia calquera cambio significativo de circunstancias que puidese implicar a interrupción ou a modificación da intervención proposta dende os servizos sociais.
  • Colaborar co persoal encargado para prestarlles a atención necesaria, acudindo ás entrevistas de seguimento.
  • Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais.
  • Participar de xeito activo no seu proceso de mellora, autonomía persoal e inserción social.
  • Destinar as prestacións recibidas ao fin para o que foron concedidas.
  • Contribuír ao financiamento do custo dos servizos de acordo coa normativa vixente.
  • Cando utilicen as instalacións, observar os regulamentos de réxime interior e as normas de funcionamento ou convivencia.