Publicación da orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos e se convocan para esta anualidade.
Estas axudas teñen por obxecto prestar apoio ás necesidades que van xurdindo na evolución da esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos e reforzar a cobertura existente na actualidade a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia, tendo en conta a obriga dos poderes públicos de ofrecer recursos de apoio á atención das persoas dependentes na etapa final do seu proceso vital.
Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
- Ter feitos os 18 anos.
- Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 6 meses con anterioridade á presente convocatoria das axudas.
- Estar diagnosticadas da enfermidade da ELA ou calquera dos seus fenotipos.
- Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitado o seu recoñecemento con anterioridade á presentación da solicitude.
Serán subvencionables os seguintes gastos de investimento, no caso de non estaren cubertos polo sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:
- Adquisición de produtos de apoio necesarios por mor da ELA ou dos seus fenotipos destinados:
- Ao tratamento médico personalizado
- Adestramento e aprendizaxe de capacidades.
- Mobilidade persoal.
- Aseo, coidado e protección persoal.
- Actividades domésticas.
- Mobiliario e pequenas adaptacións para vivendas.
- Comunicación e información.
- Manipulación de obxectos e dispositivos..
- Lecer e recreación.
- Adaptación funcional do fogar e da súa contorna, no caso de non estar incluídos na letra anterior: obras de reforma da vivenda necesarias para a mellora da accesibilidade, modificacións ou adecuación de espazos, as instalacións e os equipamentos que rodean a persoa beneficiaria , co obxecto de facilitar ou habilitar a realización das actividades da vida diaria no fogar de maneira máis segura, sinxela e independente. Inclúense a adaptación do interior da vivenda, dos accesos a esta e das zonas de uso común comunitario, no caso de habelas, e a mellora e a avaliación do ambiente/contorna.
- Adquisición de vehículo adaptado ou adaptación deste.
Serán subvencionables os seguintes gastos correntes, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou a mutualidade correspondente:
- Servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria por profesionais habilitados: Fisioterapia manual e respiratoria, logopedia, psicoloxía, neurorehabilitación, servizos de asistencia persoal/coidador profesional, o servizo de axuda no fogar, o servizo de atención diúrna e atención residencial, sempre que sexan de carácter privado.
- Transporte para a asistencia a tratamentos e centros asistenciais.
Non serán subvencionables:
- Os produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico incluído na Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, financiados polo Servizo Galego de Saúde.
- A participación económica das persoas usuarias no financiamento do custo dos servizos do sistema da promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia derivada do Decreto 149/2013, do 5 de setembro,
- Medicamentos, gastos de farmacia e parafarmacia que non poidan ser considerados produtos de apoio.
- Os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, os impostos e/ou taxas derivadas da obtención de licenzas municipais.
Non se concederá a axuda para o transporte no caso de que a persoa solicitante sexa usuaria de praza de atención residencial ou de centro de atención diúrna e xa conte con servizo de transporte subvencionado.
Os gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de novembro de 2025 e estar efectivamente pagados pola persoa interesada con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.