As ferramentas fronte á soidade non desexada centran a “Xornada sobre boas prácticas e iniciativas para maiores”

18/11/2024 | Novas

A problemática da soidade non desexada e as ferramentas para atallala centraron hoxe a “Xornada sobre boas prácticas e iniciativas para maiores en Compostela”, organizada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais. Ducias de persoas déronse cita no centro sociocultural Maruxa e Coralia para participar no encontro, “unha proposta que naceu do Consello Municipal de Persoas Maiores”. A concelleira María Rozas sinalou que “o interese que espertou esta xornada demostra que as persoas maiores queren participar na vida pública e na toma das decisións que lles afectan, e é obriga das administracións públicas atender esa demanda”.

A tenenta de alcaldesa lembrou que en Santiago temos 24.000 persoas maiores de 65 anos, das que case 4.800 viven soas. María Rozas incidiu en que “falamos de 24.000 persoas que requiren políticas públicas específicas e recursos concretos para cubrir as súas necesidades, pero sobre todo son 24.000 persoas que queremos que sigan sendo parte activa da comunidade, que teñen moito que achegar, moitos coñecementos que transmitir e moita memoria que conservar”. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais reiterou o seu compromiso co fomento da participación dos e das maiores, “porque é unha ferramenta fronte á soidade non desexada, que ten graves consecuencias na saúde física e mental dos maiores, e contra a que temos que actuar desde as administracións públicas”.

Na xornada tamén se fixo un repaso polos recursos municipais dispoñibles para as persoas maiores, como o Servizo de Axuda no Fogar, o servizo de teleasistencia ou o servizo municipal de emerxencias.

Conferencias e mesas de debate

A xormada “Boas prácticas e iniciativas para maiores en Compostela” abriuse cuha ponencia inaugural de Mercedes Gallego, xefa de servizo na coordinación de estudos do IMSERSO, que avaliou a situación das persoas maiores no conxunto do Estado e en Galicia e deu conta dos diferentes recursos que o Instituto de Maiores e Servizos Sociais pón ao seu dispor, en colaboración tamén con outras administracións.

Posteriormete celebrouse unha mesa redonda sobre “Boas prácticas públicas e comunitarias no loita contra a soidade non desexada”, moderada por Isabel González-Abraldes, doutora en xerontoloxía, profesora e investigadora da Universidade da Coruña. Na palestra participaron Enrique Cano, xefe do departamento de Promoción de Persoas Maiores do Concello de Barcelona; Mireia Gasol, xefa do departamento de Programas e Atención Social e Soporte aos Centros de Servizos Sociais do Concello de Barcelona; Ana Isabel Esteban, presidenta de Solidariedade Interxeracional; e Esperanza Linares, vicepresidenta do consello reitor da iniciativa de vivenda colaborativa “Trabensol” de Madrid.

A segunda mesa redonda, moderada por Daniel Longarela, coordinador de formación do Colexio Oficial de Educación Social de Galicia; versou sobre a intervención profesional fronte á soidade non desexada desde unha perspectiva multidisciplinar. No debate participaron representantes dos colexios oficais de Psicoloxía, traballo Social e Educación Social de Galicia.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local