Aprobado o programa Xantar na Casa “para seguir avanzando na atención ás persoas maiores e dependentes”

27/01/2025 | Novas

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o programa “Xantar na Casa”, de maneira que quedaron establecidas as pautas para a xestión e o acceso ao servizo das persoas beneficiarias. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou que, con este novo servizo, “avanzamos na mellora da atención ás persoas maiores e dependentes, que é un dos obxectivos prioritarios do Goberno”.

A aprobación do programa na Xunta de Goberno era o último paso previo necesario para a posta en marcha do servizo, despois de que o Concello asinara o correspondente convenio co Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia. As persoas beneficiarias serán seleccionadas, previa valoración técnica, polo departamento de Servizos Sociais. O “Xantar na Casa” tén como obxectivo garantir unha alimentación equilibrada, de calidade, e adaptada ás necesidades das persoas maiores, en situación de dependencia, ou en risco de exclusión social. Ao tempo, facilítase a súa permanencia nos seus fogares, evítanse situacións de risco asociadas ao proceso de elaboración dos alimentos, e dáselle un respiro ás súas persoas coidadoras. Tal e como explicou María Rozas, o “Xantar na Casa” será un bo complemento para o Servizo de Axuda no Fogar, “e coa súa posta en marcha atendemos a unha demanda que nos viña trasladando a veciñanza”. 

As persoas beneficiarias recibirán semanalmente no seu domicilio un máximo 7 e un mínimo de 5 bandexas diferentes co xantar para cada día da semanaTamén se facilita frigorífico e microondas no caso de que os fogares das usuarias non dispoñan deses electrodomésticos. O prezo do xantar está fixado en 7,50 euros por persoa e día, dos que o 46,6% é achegado pola Xunta, mentres que a persoa beneficiaria e o Concello achegan o 26,6% cada parte. O Concello destinará a este programa 233.600 euros. 

Persoas beneficiarias

Tal e como se recolle no programa aprobado hoxe, poderán ser beneficiarias de “Xantar na Casa” as persoas maiores de 60 anos con limitacións para o seu desenvolvemento persoal e sen rede de apoio; persoas en situación de dependencia ou con discapacidade recoñecida, ou persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, técnicamente avaliada polos Servizos Sociais. Á hora de baremar as solicitudes, teranse en conta criterios relativos á unidade de convivencia e a rede informal de apoio da persoa solicitante, as características da súa vivenda, a situación económica, a súa autonomía persoal, a idade, ou o seu grao de dependencia. 

O programa “Xantar na Casa” contará inicialmente cun máximo de 60 prazas, e unha vez cubertas as persoas solicitantes quedarán en lista de agarda. A intención do Concello é que ese número de prazas poidan ser ampliadas nun futuro.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local