Adxudicacion do novo contrato do SAF

19/04/2024 | Novas

A Xunta de Goberno ven de adxudicar, nunha sesión extraordinaria, a xestión do Servizo de Axuda no Fogar á UTE SIAD24-Asistenzia Santiago. O prezo do contrato, de dous anos de duración, será de 12,7 millóns de euros, a totalidade do orzamento previsto na licitación. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, mostrou o seu desexo de que “con esta adxudicación vexamos un antes e un despois no SAF, e consigamos os obxectivos que tiñamos fixados na licitación de mellorar a atención ás persoas usuarias pero tamén de protexer os dereitos das traballadoras“.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude deu conta hoxe da adxudicación do contrato, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Teresa Furelos, xefa de Servizo da área de Acción Social, e por Eva María González, xefa de sección. María Rozas agradeceu o intenso traballo de todo o departamento “porque conseguimos adxudicar un contrato complexo e dunha contía moi elevada nun prazo de só tres meses e medio e sen sobresaltos, fonte á licitación anterior do servizo que se demorara por máis de nove meses”. A tenenta de alcaldesa salientou que “todas tiñamos un enorme interese en sacar adiante este contrato canto antes, porque o descontento coa actual adxudicataria é coñecido, ao igual que as sancións que o Concello lle impuxo á empresa polos seus incumprimentos nun servizo enormemente sensible“.

María Rozas reiterou que o Goberno “fixo unha importante aposta por ter o mellor Servizo de Axuda no Fogar posible, dotándoo dun orzamento que de 6,3 millóns de euros anuais, o que supón un incremento do 73% con respecto ao anterior contrato“. O custo por hora será de 22,71 euros, fronte aos 17,32 euros do anterior contrato (ambos sen IVE). O prezo por hora ofertado pola UTE é menor do establecido nos pregos, de maneira que se poderán prestar case 270.000 horas de servizo, 10.000 máis das previstas e 110.000 máis das prestadas en 2023.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais salientou que a UTE adxudicataria obtivo a máxima puntuación posible en case todos os indicadores avaliados nas mesas de contratación, tanto no que ten que ver co propio servizo como na organización dos recursos humanos e no plan social para a mellora da calidade de vida das persoas usuarias e das traballadoras. Non foi a mellor valorada no que tén que ver coa oferta económica e, tal e como apuntou Rozas, “na adxudicación pesaron máis outros criterios de valoración, na liña da nosa prioridade que non era conseguir un mellor prezo senón un mellor servizo, porque falamos dunha cuestión moi sensible que inflúe directamente na vida da xente“. Tamén destacou que a súa proposta “está baseada nunha pormenorizada análise previa do comportamento do SAF en Santiago, tanto na actualidade como con anteriores contratos, polo tanto a oferta está adaptada á realidade social do noso municipio e iso dános unha maior tranquilidade sobre o seu futuro funcionamento“.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que a UTE SIAD24-Asistenzia Santiago incluiu na súa oferta “un detallado plan para a posta en marcha do servizo, comprometéndose a reforzar o equipo de coordinación do SAF para atender as incidencias iniciais que se poidan producir polo cambio das empresas prestatarias“.

Máis coordinación e protocolos claros

Co novo contrato haberá importantes melloras no que tén que ver coa coordinación interna entre as profesionais do Servizo de Axuda no Fogar, con xuntanzas individuais do persoal auxiliar coas coordinadoras, que terán carácter mensual e non bimestral como esixía o prego, e con xuntanzas trimestrais grupais, “atendendo a unha demanda do propio comité de empresa“. En canto á relación da empresa co propio Concello, a UTE prevé a formación dun equipo interinstitucional entre o departamento de Servizos Sociais e a adxudicataria, e fixa unha periodicidade mensual para as xuntanzas de organización entre ambas partes.
Ademais, na oferta propónse un sistema de coordinación entre a empresa e as persoas usuarias e as súas familias.

Xunto con mecanismos de coordinación intensificados, na oferta da UTE SIAD24-Asistenzia Santiago detallánse diferentes protocolos de actuación “que repercutirán nun mellor funcionamento e nun servizo de maior calidade, e que atenden cuestións como a detección de necesidades das persoas usuarias, implantación de servizos complementarios, ou xestión de incidencias co persoal auxiliar e a súa substitución“. Tamén destaca o plan de calidade do servizo presentado pola adxudicataria, cun modelo de avaliación continua no que se implementarán enquisas de calidade anuais dirixidas tanto ás persoas usuarias como aos demais axentes implicados.

Recursos humanos e plan social

En canto á organización dos recursos humanos, destaca a zonificación “que era unha demanda de persoas usuarias e das traballadoras“. O novo sistema de organización prevé a creación de equipos de tres traballadoras para cada zona,que serán coñecidas polas persoas usuarias dese ámbito, e que terán información sobre as circunstancias e as necesidades de cada persoa usuaria. Tal e como explicou María Rozas, o obxectivo “é aminorar os problemas de adaptación nos casos de substitucións, porque sempre é preferible algunha relación previa para as persoas usuarias“.

Tamén destacan as melloras previstas para as fins de semana e festivos, que pasan pola contratación de persoal específico que tamén terá adscrito un grupo de persoas usuarias estable; e pola creación da figura do auxiliar de garda, que cubrirá calquera ausencia de persoal nesas xornadas. Por último, son salientables as medidas en materia de formación que propuxo a UTE, con propostas específicas para o persoal de coordinación, o persoal de atención directa nos domicilios e o persoal de nova incorporación.

Ademais dos instrumentos de avaliación do servizo para as persoas usuarias e as súas familias e para o propio persoal, a oferta de SIAD24-Asistenzia Santiago inclúe numerosas medidas innovadoras que repercuten na mellora da calidade do servizo. Entre elas, María Rozas destacou a incorporación de persoal auxiliar especializado na atención a persoas diagnosticadas con enfermidade mental; ou a prestación de 20 horas semanais de atención social a través dun técnico de integración social para a realización de acompañamientos en situación de soidade non desexada ou acompañamentos médicos.

Neste apartado, a UTE tamén prevé a entrega de kits de hixiene persoal a persoas en situación de vulmerabilidade económica; a reserva dunha partida de 1.500 euros anuais para a compra de produtos de primeira necesidade para as persoas usuarias; ou a posta en marcha de campañas anuais de lavandería para a limpieza de grandes prendas dos domicilios. Ademais, oferta talleres de formación individuais para persoas coidadoras en temas relacionados como os cambios posturais ou de manexo de alteracións da conduta; e sesións formativas grupais para persoas coidadoras e usuarias. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais destacou, tamén que a empresa propón vincular o servizo a outros programas municipais dirixidos a colectivos vulnerables ou en situación de exclusión social, “nunha proposta que está elaborada específicamente para o concello de Santiago e para as súas características propias“.

Melloras xa recollidas nos pregos

María Rozas explicou que “a proposta gañadora desta licitación recibiu moi boa valoración dos servizos técnicos, e isto fainos confiar en que a prestación do servizo estea á altura do que agardabamos cunha licitación que xa incluía nos seus pregos numerosas esixencias para mellorar a calidade do SAF“. Así, aténdense cuestións como o incremento da periodicidade das visitas de seguimento aos domicilios e da implantación do seguimento telefónico; o reforzo dos programas informáticos para axilizar a coordinación coa empresa e para informar diariamente e en tempo real das incidencias rexistradas, ou o aumento das horas dispoñibles nos servizos complementarios.

De igual modo, e no que tén que ver cos recursos humanos, respéctanse as novas ratios de persoal de coordinación por número de persoas usuarias, que melloran as esixidas pola Xunta. Queda fixada en 4 técnicos para un volume de usuarios de entre 200 e 299, e aos que se engadiría un técnico máis por cada cen persoas usuarias e non por cada 200, como acontece agora. A empresa adxudicataria tamén asumiu o compromiso de elevar cada ano as xornadas de atención directa do persoal nun 5% sobre as xornadas parciais existentes nese momento, que nos pregos non se contemplaba como requisito obrigatorio pero que sí permitía recibir unha puntuación especial na oferta. Por último, refórzanse notablemente os programas informáticos o servizo, e todas as traballadoras contarán cos seus dispositivos moviles para informar en tempo real de calquera incidencia ou de calquera cuestión relevante no servizo.

A día de hoxe, o Servizo de Axuda no Fogar contra con 603 persoas usuarias. A lista de agarda é de 42 persoas na modalidade de dependencia e de 39 na modalidade de libre concorrencia. Co novo contrato, e co incremento previsto de horas, o obxectivo é suprimir esa lista de agarda, e ter capacidade para solicitarlle á Xunta a ampliación das horas asignadas na modalidade de dependencia, que na actualidade son 15.000 mensuais.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local