A concelleira María Rozas presentou hoxe o programa, dirixido a persoas adultas que queiran obter o título da ESO ou o certificado de Competencias Clave, en especial a aquelas que se atopan en situación ou risco de exclusión. As clases comenzarán o próximo 20 de outubro.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta do inicio do novo curso na Escola de Segunda Oportunidade, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo docente coordinador do programa, Antón Porteiro, a técnica do Plan de Inclusión do Concello de Santiago, Elena González, e o vicepresidente de Compostela Solidaria, Carlos Nieves. Tamén asistiron os profesores Antonio Segura, exdecano da Facultade de Bioloxía; Jaime Romero, catedrático de Química da USC: Avelino Gallardo, controlador aéreo e profesor de inglés; e Merche Espiño, exprofesora do IES Eduardo Pondal.
A tenenta de alcaldesa salientou “a ampla experiencia educativa do claustro de profesorado co que conta a Escola de Segunda Oportunidade, que é unha garantía de que o alumnado acade os seus obxectivos académicos”. María Rozas explicou que esta iniciativa “tén como obxectivo reforzar a formación para lograr a inclusión laboral do alumnado”. Neste sentido, lembrou que “segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, a taxa de paro de longa duración é de case o 7% entre as persoas que remataron o seus estudos na Primaria ou na primeira etapa de Secundaria; fronte ao 4% das que completaron a segunda etapa da Secundaria; e o 2,4% da taxa de paro de longa duración entre as persoas con estudos de nivel superior”. En Santiago, segundo os últimos datos recollidos no Pacto Local polo Emprego, case o 50% das persoas paradas teñen baixas cualificacións. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que estes datos “foron os que nos levaron a reforzar, xa desde o ano pasado, a Escola de Segunda Oportunidade, procurando chegar a un maior número de persoas, sobre todo entre os colectivos máis vulnerables”.
O coordinador do programa, Antón Porteiro, explicou que o programa “é tamén de especial interese para a poboación migrante, sobre todo para aquelas persoas que chegan a Santiago sen papeis e non poden homologar os seus estudos”.
Pola súa banda, o vicepresidente de Compostela Solidaria, Carlos Nieves, agradeceu o apoio do departamento de Servizos Sociais, e puxo en valor o papel do profesorado “totalmente implicado e cunha enorme vocación”.
A Escola de Segunda Oportunidade está dirixida a persoas adultas empadroadas en Santiago que estean interesadas en preparar as probas de ESO ou as competencias clave, que abandonaran o sistema educativo sen obter ningún tipo de titulación ou que retornen ao sistema educativo. O obxectivo é incrementar o nivel formativo das persoas participantes, cunha orientación práctica para que, ademais de adquirir e mellorar as súas habilidades de lectura, escritura e cálculo, poidan superar as probas organizadas polas autoridades educativas ou laborais e mellorar, polo tanto, as súas posibilidades de inclusión social e laboral. Nese sentido, nas clases trabállase sobre as materias e os coñecementos, pero tamén sobre a estrutura e a mellor maneira de afrontar esas probas para incrementar as posibilidades de éxito.
As clases da Escola de Segunda Oportunidad comezarán o próximo día 20, e impartiránse todos os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas na Casa das Asociacións de Benestar Social, CABES, en Salgueiriños.
A inscrición estará aberta desde mañá ata o día 17, no correo electrónico plandeinclusion@santiagodecompostela,gal ou nos teléfonos 618 21 28 59 e 639 77 54 91 (de 9 a 14h)