A Corporación reafirma cunha declaración institucional o seu compromiso coa defensa dos dereitos das persoas con discapacidade

24/04/2025 | Novas

O Pleno do Concello aprobou unha declaración institucional de todos os grupos municipais con motivo da celebración, o 3 de maio, do Día Nacional da Convención sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade co obxectivo de contribuír a “construír unha sociedade máis inclusiva e xusta para todas as persoas, na que a diversidade sexa recoñecida como un valor e cada persoa poida desenvolver a súa vida con autonomía, igualdade e dignidade”.

No texto aprobado hoxe conclúese que “é momento de transformar o compromiso en accións concretas que garantan un futuro sen barreiras nin exclusións” e que “só desde a acción local poderemos construír unha sociedade máis inclusiva e xusta”. 

O Concello de Santiago reafirma así o seu compromiso cos principios e mandatos da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, e coa formulación das súas políticas cun enfoque baseado nos dereitos humanos, coa finalidade de garantir a accesibilidade universal, a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a plena integración das persoas con diversidade funcional na vida social, económica e cultural. 

Así mesmo, o Concello comprométese na loita contra a discriminación laboral das persoas con diversidade funcional ou a promover a súa participación activa na toma de decisións que afecta á súa vida e á súa comunidade: “é fundamental garantir a súa representación nos órganos de consulta e no deseño de políticas públicas que impacten no seu benestar, reforzando así o principio de autonomía e autodeterminación”. 

Impulsar políticas públicas de vivenda que garantan o dereito das persoas con diversidade funcional e das persoas maiores a unha vivenda digna ou investir en contornas accesibles e no desenvolvemento de solucións innovadoras que favorezan a autonomía das persoas con diversidade funcional son outros dos principios inspiradores desta declaración institucional. 

Día en España da Convención Internacional sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade

O 22 de febreiro de 2019, o Consello de Ministros declarou o 3 de maio como Día Nacional en España da Convención Internacional sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas. Esta Convención, recoñecida como un tratado internacional de dereitos humanos de obrigado cumprimento, orienta aos Estados na adopción de políticas baseadas nun enfoque de dereitos humanos en materia de diversidade funcional.

España ratificou este tratado en 2007 e incorporou o seu contido ao ordenamento xurídico o 3 de maio de 2008. Desde entón, supuxo un avance significativo na garantía de dereitos para as persoas con diversidade funcional. Entre os seus principais logros destacan a súa integración no sistema de protección de dereitos humanos de Nacións Unidas, o recoñecemento da diversidade funcional como cuestión de dereitos fundamentais e a creación dun marco legal exixible.

A Convención susténtase en principios esenciais como a dignidade, a autonomía, a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a accesibilidade e a participación inclusiva. Ademais, promove a igualdade de xénero e o respecto á identidade e ao desenvolvemento da infancia con diversidade funcional, principios que deben aplicarse de xeito transversal na defensa e garantía dos dereitos recoñecidos no tratado.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local