A Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais visita as obras do futuro centro para as persoas sen fogar de Compostela

08/11/2024 | Novas

María Rozas, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, acompañada de varias técnicas dos Servizos Sociais Comunitarios, visitaron esta mañá as obras de acondicionamento do centro de acollida para as persoas sen fogar de Compostela, ubicado no Parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que estaba en desuso e que acolleu no seu día o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC).

Esta actuación recupera a imaxe orixinal das edificacións, e altera o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruíronse, recuperando a forma e altura orixinais. Recuperáronse os ocos en fachada e abríronse novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.

No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e mantéñense os ocos actuais, polo que a distribución interior adaptarase a eles.

O obxectivo deste centro residencial e de servizos é atender ás persoas en risco de exclusión social, apoiando a súa reinserción social e laboral e prestando atención ás necesidades que presenten a nivel social, psicolóxico e sanitario. Varios dos programas desenvolvidos desde a Concellería terán a súa sede neste novo equipamento, como o Programa de apoio á inclusión básica de persoas sen fogar ou o Programa de Vivendas en transición de Santiago de Compostela, ambos cofinanciados co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local