A concellaría de Dereitos e Servizos Sociais segue mellorando a atención ás persoas maiores e ás persoas sen fogar, reforzando dous dos servizos dos que estes colectivos son os principais destinatarios: o programa de teleasistencia e o Servizo Municipal de Urxencias Sociais. Trátase de prestacións que o Concello ofrece a través de Cruz Vermella, en virtude de dous convenios aos que este ano se destina un orzamento de case 225.000 euros, un 21% máis que o ano anterior.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe dos dous convenios asinados con Cruz Vermella. Foi nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente da entidade, José Luis Barreiro, e pola súa coordinadora comarcal, Leonor Silva. A tenenta de alcaldesa salientou que “despois dun orzamento de 2024 no que reforzamos servizos como o Servizo de Axuda no Fogar ou o Xantar na Casa, e apostamos por equipamentos vinculados a Servizos Sociais, este 2025 queremos seguir mellorando e ampliando as prestacións que lles ofrecemos aos veciños e veciñas en colaboración co terceiro sector, a través de entidades como é Cruz Vermella”.
Os convenios presentados hoxe están dirixidos fundamentalmente a dous colectivos que son prioritarios para o departamento de Servizos Sociais: o das persoas maiores, e o das persoas sen fogar. No que tén que ver co primeiro, María Rozas explicou que un dos obxectivos da Concellaría foi incrementar o número de persoas beneficiarias do programa municipal de teleasistencia, “ampliando o orzamento para termos dispoñibles ata 80 terminais, fronte ás 60 actuais, e tamén ata 40 novos dispositivos de teleasistencia periféricos que nos convenios de anos anteriores non estaban contemplados”. Trátase, explicou a concelleira, “de garantir unha atención máis rápida ás persoas maiores, fundamentalmente a aquelas que viven soas, diante de calquera situación de emerxencia”.
Co mesmo obxectivo, tamén se reforza o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, “que atende situacións de urxencia social todos os días do ano, fóra dos horarios de atención dos servizos sociais municipais”. María Rozas lembrou que “ainda que o SEMUS se asocia habitualmente á atención ás persoas sen fogar, tamén se activa diante doutras situacións como poden ser caídas de persoas maiores nos seus domicilios”.
Pola súa banda, José Luis Barreiro agradeceu a colaboración co Concello “co que compartimos a vontade de atender de maneira prioritaria ás persoas sen fogar e ás persoas maiores”. O presidente da entidade indicou que, co primeiro dos colectivos, “o obxectivo último e darlles a estas persoas as ferramentas para recuperar unha vida normalizada, fóra da rúa”. En canto ás persoas maiores, “o noso interese é que poidan manterse nos seus fogares, e para iso deben ter as ferramentas que garantan a súa seguridade”.
Servizo de teleasistencia e atención a persoas sen fogar
O primeiro dos convenios asinados con Cruz Vermella ten como obxectivo a prestación do servizo de teleasistencia e a atención a persoas sen fogar, e ten un orzamento de 100.000 euros, 15.000 euros máis que en 2024. Este incremento permitirá aumentar os dispositivos de teleasistencia domiciliaria que a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais lle ofrece á veciñanza, a través de Cruz Vermella, como recurso ponte á espera de obter ese servizo con carácter autonómico, tendo en conta que a Xunta require, para acceder ao programa, unha valoración de dependencia que pode demorarse moitos meses.
O número de terminais dispoñibles pasa das 60 actuais a 80. Estes dispositivos permiten que as persoas usuarias alerten de situacións de emerxencia desde calquera estancia dos seus domicilios, as 24 horas dos 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediatas. No caso de persoas con deterioro cognitivo, os Servizos Sociais municipais poden requirir que os dispositvos de teleasistencia dispoñan tamén de xeolocalización. Por primeira vez o convenio contempla a dotación de 40 dispositivos de teleasistencia periféricos, como poden ser detectores de caídas ou detectores de fume e gas, co obxectivo de axilizar as intervencións diante destas situacións de emerxencia.
Ademais, este convenio tamén permite financiar o programa de atención a persoas sen fogar, que contempla accións de mediación, seguimento, e acompañamento social de persoas sen fogar, así como o seu aloxamento temporal en determinados casos en pensións ou noutros recursos habitacionais
Servizo Municipal de Urxencias Sociais
En canto ao segundo dos convenios con Cruz Vermella presentados hoxe, tén como obxectivo o desenvolvemento do Servizo Municipal de Urxencias Sociais, o SEMUS. Neste caso, o orzamento destinado ao acordo pasa de 100.000 euros de 2024 a 124.607,24 para 2025.
O SEMUS ten como obxectivo atender as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non están operativos, e polo tanto funciona os 365 días do ano, en horario de tres da tarde a 8 da mañá entre semana, e as 24 horas os sábados, domingos e festivos. O servizo atende situacións moi diversas, como caídas de persoas maiores, menores en situación de risco, mulleres vítimas de violencia, casos de violencia familiar, ou problemas sociosanitarios. Ademais, de maneira coordinada entre o persoal de Cruz Vermella e os Servizos Sociais Municipais, encárgase de realizar rutas nocturnas de rúa, tres semanais durante o inverno e dúas semanais no verán, que permiten localizar as persoas en situación de senfogarismo, facerlles seguimento, realizar intervencións co obxectivo de sacar a esas persoas desa situación de rúa, ou entregarlles alimentos e produtos de primeira necesidade.