O Concello de Santiago vén de implantar por primeira vez o pagamento anticipado para os convenios nominativos con entidades sociais. A Xunta de Goberno acordou hoxe autorizar o pago de tres destas subvencións, por un importe total de 200.000 euros. Explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, que salientou que “atendemos así unha demanda histórica do terceiro sector, que facilitará enormemente a liquidez das entidades”.
A Xunta de Goberno autorizou hoxe o pagamento anticipado de tres convenios con outras tantas entidades sociais: Cáritas Diocesana, por un importe de 120.000 euros; Cociña Económica, por 70.000 euros; e a ASPANAES, cunha achega municipal de 10.000 euros. Tal e como explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, “esta fórmula do pagamento anticipado permítelle ás entidades sociais afrontar os pagos dos programas previstos nos convenios sen ter que adiantar fondos e sen ter que botar man de créditos polos que despois terían que pagar xuros”. Desta maneira, destacou María Rozas, “mellórase a liquidez das entidades”. Ademais, esta fórmula permite que as asociacións poidan xustificar as subvencións con gastos de todo o ano, e non de 9 ou 10 meses do ano como acontecía ata o de agora.
A tenenta de alcaldesa salientou que o obxectivo do Goberno é que cando menos unha de cada tres entidades que traballan cos Servizos Sociais Municipais poidan acollerse á formula do pagamento anticipado das subvencións municipais.
Aprobados convenios con entidades sociais por 320.000 euros
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe once convenios con outras tantas entidades sociais, que suporán unha achega municipal dun total de 320.000 euros. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lembrou que o Goberno fai no orzamento de 2025 “unha aposta non só por ampliar as políticas sociais senón tamén de reforzar a colaboración do Concello co terceiro sector, con entidades que fan unhas funcións fundamentais para a veciñanza”.
Entre os convenios aprobados hoxe destacan, pola súa contía, o asinado con Cruz Vermella para o desenvolvemento do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais, ao que se destinan 124.607,24 euros, case 25.000 euros máis que o ano pasado. Manténse en 60.000 euros a achega municipal para o mantemento do albergue de Xoán XXIII; Proxecto Home recibirá 45.000 euros, en virtude do convenio de colaboración aprobado hoxe, e a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais seguirá colaborando co programa de Inclusión Promociona que impulsa a Fundación Secretariado Gitano, cunha partida de 27.000 euros. Para o desenvolvemento do programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social, o convenio coa Universidade de Santiago aprobado hoxe contempla unha dotación de 20.000 euros.
Tamén recibiron luz verde os convenios con Dano Cerebral de Santiago para o seu programa de actividades acuáticas e autocoidado (8.000 euros); a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson, Ela, outras enfermidades neurodexenerativas e enfermedades raras (ACEM) para o seu programa de fisioterapia (12.000 euros); e a Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental (9.000 euros). A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) recibirá 6.000 euros para o seu programa de respiro e/ou emerxencia familiar; a Fundación Andrea percibirá 3.000 euros e, por último, a Xunta de Goberno aprobou o convenio coa Escola de Tempo Libre Don Bosco, cunha dotación de 5.000 euros.