A Concellaría de Dereitos Sociais actualiza o Estudo sobre as persoas maiores de Santiago e impulsa un grupo de traballo sobre soidade non desexada

23/04/2025 | Novas

A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude vai actualizar o “Estudo sobre a situación das persoas maiores de Compostela e as liñas estratéxicas de acción municipal”, un documento que fora elaborado en 2017 tras a adhesión de Santiago á Rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores. A tenenta de alcaldesa, María Rozas, explicou que este traballo é preciso para que Compostela reforce a súa participación na rede, impulsada pola Organización Mundial da Saúde como resposta ao envellecemento da poboación e co obxectivo de garantir entornos nos que envellecer dignamente e con calidade.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude lembrou que Santiago sumouse en 2016 á Rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores, unha adhesión que implica darlle cumprimento a unha serie de fases establecidas pola propia Organización Mundial da Saúde. Así, en decembro de 2017 presentouse o “Estudo sobre a situación das persoas maiores e liñas estratéxicas de acción municipal”, que ademais desa diagnose fixaba liñas de traballo en diferentes eidos como o urbanismo, o transporte, a vivenda ou a inclusión social. A OMS recomenda que as Cidades Amigables coas Persoas Maiores fixen ciclos de cinco anos para executar e avaliar cada Plan de Acción, de modo que, apuntou María Rozas, “é preciso actualizar o informe de 2017 para recoller as directrices e acción para os próximos anos e garantir a continuidade de Santiago na rede”. 

Traballo participado

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que o traballo de actualización do Estudo sobre a situación das persoas maioresfarase, tal e como require a OMS nos seus protocolos, apostando pola participación”. Así, organizaranse grupos focais de persoas maiores, que terán en conta variables como o seu lugar de residencia e a súa idade, e tamén se realizarán entrevistas en profundidade a axentes sociais do municipio, como poden ser profesionais dos servizos públicos municipais ou entidades de iniciativa social. María Rozas explicou que nestes días estanse establecendo xa os contactos previos para desenvolver o proceso, co obxectivo de que o documento estea actualizado nun prazo estimado de seis meses. A concelleira incidu en que “este informe será a ferramenta que nos permita confirmar a participación de Santiago na Rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores e, sobre todo, a ferramenta para seguir avanzando no noso claro compromiso coas persoas maiores e co envellecemento activo”.

Dinamización do Consello Municipal de Persoas Maiores

Rozas avanzou tamén que a concellaría de Dereitos e Servizos Sociais vai dinamizar o Consello Municipal de Persoas Maiores e activar o grupo de traballo sobre soidade non desexada que se acordou constituir na última reunión do órgano. Farase a través dunha asistencia externa, que garanta unha maior participación. Nestes días remitiránse os convites a todas as entidades que fan parte do Consello, para a celebración dunha próxima xuntanza, o 8 de maio. 

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lembrou que en Santiago residen case 24.500 persoas maiores de 65 anos, e delas, preto de 5.000 viven soas. María Rozas aclarou que “ainda que non todas elas estean en situacións de soidade non desexada, son cifras importantes que queremos seguir tendo en conta nas políticas do departamento de Servizos Sociais”.

A tenenta de alcaldesa lembrou que o das persoas maiores “é un colectivo prioritario para o Concello, tal e como se vén demostrando na acción de Goberno”. Nese sentido, recordou que ao longo deste mandato “vimos impulsando importantes medidas para mellorar a súa calidade de vida, especialmente das persoas maiores máis vulnerables, como o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, a posta en marcha do programa Xantar na Casa, ou o reforzo dos programas de envellecemento activo, e esta será a liña de traballo na que continuaremos de cara ao futuro”. Moitas das accións implementadas neste tempo, apuntou María Rozas, beben das liñas estratéxicas definidas na diagnose elaborada en 2017.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local