A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais reforza a Escola de Segunda Oportunidade dirixida a adultos sen formación básica

07/10/2024 | Novas

Desde hoxe e ata o 15 de outubro estará aberto o prazo de inscrición na Escola de Segunda Oportunidade organizada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, en colaboración coa ONG Compostela Solidaria. Trátase dun proxecto educativo que pretende incrementar o nivel formativo das persoas adultas sen formación básica, preparándoas para superar as probas de obtención dos títulos en Competencias Básicas ou ESO, e facilitando así a súa integración social e laboral. As clases comenzarán o 21 de outubro.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o novo curso da Escola de Segunda Oportunidade, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente da ONG Compostela Solidaria, Luis Rivero de Aguilar, polo docente coordinador da iniciativa, Antón Porteiro, e polas técnicas do Plan de Inclusión do Concello, Elena González e Mónica González. Ademais, asistiron Carlos Nieves, de Compostela Solidaria, e tres dos profesores xubilados que colaboran no programa: Jaime Romero, catedrático de Química da USC; Antonio Segura, exdecano da Facultade de Bioloxía e Avelino Gallardo, controlador aéreo e profesor de inglés.

Reforzar a formación para a inclusión laboral.

A tenenta de alcaldesa explicou que, segundo os últimos datos publicados en novembro de 2023, “case o 50% das persoas paradas en Santiago tiñen baixas cualificacións: o 33% só certificado de escolaridade, e o 17% título da ESO“. Se falamos de paro de longa duración, no conxunto de Galicia o 46% dos homes e o 37% das mulleres nesa situación non teñen o título da ESO, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións.

María Rozas explicou que “estes datos confirman a necesidade de reforzar a formación para o emprego, sobre todo entre os colectivos máis vulnerables, e de aí a nosa aposta por fortalecer esta Escola de segunda oportunidade e procurar que chegue a un maior número de veciños e veciñas“.

No mesmo sentido, Antón Porteiro insistiu na importancia de que a poboación adulta obteña o graduado en ESO, “para abrir novas perspectivas laborais, pero en moitos casos tamén para continuar coa súa formación, sobre todo a través dos ciclos de Formación Profesional”. O coordinador da Escola explicou que “moito do alumnado é poboación inmigrante que chega a Santiago sen papeis e polo tanto non pode convalidar os seus títulos académicos“.

As Escolas de segunda oportunidade son un proxecto educativo dirixido a persoas adultas sen formación básica. Trátase de mellorar as súas habilidades, e de darlles as ferramentas para superaren as probas de obtención de títulos académicos que poden mellorar as súas posibilidades de inserción social e laboral. Nese sentido, nas clases trabállase sobre as materias e os coñecementos, pero tamén sobre a estrutura e a mellor maneira de afrontar probas como as de Competencias Clave ou graduado en ESO, e incrementar as posibilidades de éxito. O proxecto está aberto á poboación adulta empadroada en Santiago, en particular a aquelas persoas que se atopan en situacións de vulnerabilidade.

As clases comezarán o 21 de outubro, e impartiránse ata comezos de xuño todos os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas na Casa das Asociacións de Benestar Social, CABES, en Salgueiriños. A inscrición estará aberta desde hoxe ata o día 15, no correo electrónico plandeinclusion@santiagodecompostela,gal ou nos teléfonos 618 21 28 59 e 639 77 54 91 (de 9 a 14h)

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local