A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude organiza unha xornada sobre “Boas prácticas e iniciativas para maiores en Compostela”, atendendo a unha demanda formulada no Consello Municipal de Persoas Maiores. O evento celebrarase o próximo 18 de novembro, no centro sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica. A concelleira María Rozas explicou que a xornada ten como obxectivo “coñecer iniciativas e políticas dirixidas a persoas maiores de 65 anos, prestando especial atención á problemática da soidade non desexada”.
En Santiago residen case 24.000 persoas maiores de 65 anos. Máis do 20% delas viven soas, unha circunstancia que multiplica o risco de padecer soidade non desexada. Este fenómeno ocasiona danos para a saúde tanto mental como física, e inflúe no agravamento da hipertensión ou das enfermedades cardiovasculares entre outras patoloxías. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais salientou que “a soidade non desexada é unha das principais preocupacións das persoas maiores, tal e como queda constatado en cada xuntanza do Consello Municipal das Persoas Maiores, e é unha obriga para as institucións públicas atallar esta problemática”.
Conferencias e mesas de debate
Na xormada “Boas prácticas e iniciativas para maiores en Compostela” están previstas dúas conferencias sobre soidade non desexada en persoas maiores, abordada desde diferentes ópticas. Na ponencia inaugural, Mercedes Gallego, xefa de servizo na coordinación de estudos do IMSERSO, abordará as solucións que se poden formular desde a política local diante dese reto. Pola súa banda, a conferencia de peche correrá a cargo de Sara Marsillas, doutora en psicoloxía e investigadora na Fundación Matia Instituto, que falará sobre innovación e investigación no coidado de maiores.
Ademais, están previstas dúas mesas redondas. A primeira, baixo o título “Boas prácticas públicas e comunitarias no loita contra a soidade non desexada”, será moderada por Isabel González-Abraldes, doutora en xerontoloxía, profesora e investigadora da Universidade da Coruña. Nela participarán Enrique CAno, xefe do departamento de Promoción de Persoas Maiores do Concello de Barcelona; Mireia Gasol, xefa do departamento de Programas e Atención Social e Soporte aos Centros de Servizos Sociais do Concello de Barcelona; Ana Isabel Esteban, presidenta de Solidariedade Interxeracional; e Esperanza Linares, vicepresidenta do consello reitor da iniciativa de vivenda colaborativa “Trabensol” de Madrid.
A segunda mesa redonda será moderada por Daniel Longarela, coordinador de formación do Colexio Oficial de Educación Social de Galicia e versará sobre a intervención profesional fronte á soidade non desexada desde unha perspectiva multidisciplinar. Para iso, no debate participarán David Gontán, representante do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia; David Facal, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; e Lucía Vidueiros, do Colexio Oficial de Educación Social de Galicia.
A xornada celebrarase o 18 de novembro, a partir das 9.30 no centro sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica. Para asistir, é preciso inscribirse no teléfono 605 853565, ou no correo electrónico maioresconcellodesantiago@gmail.com.