A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais incrementa o importe máximo das bolsas de comedor escolar ata os 100 euros mensuais

05/06/2025 | Novas

O Goberno de Santiago vén de aprobar a convocatoria das bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares para o curso 2025-2026, á que destina un orzamento de 1,1 millón de euros. A principal novidade é o incremento do importe máximo para as bolsas de comedor na modalidade de escaseza de recursos. Esta axuda poderá chegar ata os 100 euros mensuais.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as bases da convocatoria, que serán publicadas nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia. A tenenta de alcaldesa explicou que o orzamento das axudas mantense en 1,1 millóns de euros, “a mesma contía do curso 2024-2025, despois dun incremento do 40% con respecto á anterior convocatoria”. “Este esforzo orzamentario”, apuntou Rozas, “permitiunos chegar a máis familias que nunca, e o obxectivo para o vindeiro curso é superar esas cifras, que son garante dunha igualdade real de oportunidades”.

A convocatoria establece tres modalidades de bolsas: as dirixidas a familias con escaseza de recursos económicos, que poden ser bolsas de comedor ou bolsas para a realización de actividades extraescolares; as bolsas para a adquisición de material escolar para o segundo ciclo de educación infantil; e as bolsas de comedor para facilitar a conciliación.

Na modalidade das bolsas de comedor dirixidas a familias con escaseza de recursos introdúcese unha novidade relativa ás contías. O importe máximo da axuda será de 100 euros mensuais, fronte aos 90 de anteriores convocatorias. No caso de que o importe abonado polas familias sexa inferior, a bolsa será polo total xustificado. Ao igual que na convocatoria anterior, a axuda poderá chegar ata os 180 euros mensuais no caso dos centros de educación especial.

Nas demais modalidades de axudas mantéñense os importes da convocatoria anterior. As bolsas de comedor por razóns de conciliación quedaron fixadas en 45 euros mensuais; as axudas para a adquisición de material escolar serán de 100 euros nun pago único, fronte aos 60 euros do curso 2023-2024; e as bolsas para a realización de actividades extraescolares serán de 15 euros mensuais no caso de actividades de 1 hora ou un día á semana, e ata 30 euros mensuais para o caso de actividades dende 2 horas ou 2 días á semana.

En todos os casos, mantense a rebaixa nos umbrais de renda que xa foran aprobados o ano pasado co obxectivo de chegar a máis familias.

Máis facilidades para a xustificación

María Rozas explicou que outro dos obxectivos desta convocatoria “é simplificar a tramitación e sobre todo a xustificación das axudas”. Así, as xustificacións terán que presentarse só 4 veces ao longo do curso, e non 10 como ata agora.

Para facilitar a xestión das solicitudes e solucionar as dúbidas das familias, o departamento de Dereitos e Servizos Sociais ponse ao dispor da veciñanza, e celebrará dúas xornadas informativas presenciais na Casa das Asociacións de Benestar Social en Salgueiriños, unha vez que a convocatoria sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia. A partir dese momento, haberá un prazo de 10 días hábiles para solicitar as bolsas.

No curso 2024-2025, grazas ao aumento do orzamento e á simplificación dos requisitos, o departamento de Dereitos e Servizos Sociais chegou con esta convocatoria a máis nenos e nenas que nunca, máis de 2.000.

En concreto concedéronse 808 bolsas de comedor escolar por escaseza de recursos (171 máis que no curso 2023-2024); 600 axudas para actividades extraescolares (113 máis que un ano antes); 309 bolsas de comedor escolar por motivos de conciliación (149 máis); e 279 axudas para a compra de material escolar (112 máis). Desta maneira, case o 20% das crianzas de entre 3 e 12 anos empadronadas en Santiago recibiron bolsas de comedor. O 48,5% delas, 620, recibiron por primeira vez unha axuda na convocatoria do curso pasado.

https://servizossociais.santiagodecompostela.gal/wp-content/uploads/2025/06/PRESENTACION-BOLSAS-SOCIAIS.pdf

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local