A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou as actividades previstas para o mes de xullo no marco da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”. Fíxoo acompañada por Eva López, responsable de Ela Interiorismo; e Isabel Gey, presidenta de Agadea.
A tenenta de alcaldesa volveu agradecer “a sensibilidade e compromiso social das comerciantes, todas elas mulleres, que impulsaron esta campaña”, e destacou que neste mes de xullo “poñemos o foco no colectivo das persoas maiores, que entendemos que debe ser o centro das políticas públicas nunha cidade como Santiago na que viven 23.000 persoas maiores de 65 anos”. María Rozas saleintou tamén “a creación de sinerxias entre establecementos e entidades sociais que desenvolven a súa actividade moi cerca, como acontece con Ela Interiorismo e Agadea”. No mesmo sentido Eva López e Isabel Gey destacaron que esta campaña “permite amosar realidades sociais que están moi preto de nós pero que ás veces nos resultan invisibles, como é a das persoas con enfermidades neurodexenerativas”
Concienciación e actividades de rúa
Ao longo de todo o mes, en Ela Interiorismo habilitarase un punto informativo sobre o labor de Agadea, no que tamén se poderán mercar produtos solidarios en favor da entidade. A tenda acollerá tamén unha exposición fotográfica, con imaxes de Suso Rivas que reflexan o día a día da Asociación Galega de Axuda ás Persoas con Enfermidades tipo Alzheimer.
Tamén están previstas dúas actividades de rúa. A primeira será o xoves 10 de xullo, cunha xornada de musicoterapia e pintura ao aire libre na contorna das Casas de Ramírez onde se ubica a Ela Interiorismo; e a segunda será o xoves 17 de xullo, cunha mañá de xogos populares no mesmo ámbito, en colaboración tamén con outras entidades como a Asociación Galega de Xogos Populares e Don Bosco.
Campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”
“12 comercios, 12 sensibilidades” é unha campaña que naceu o ano pasado, impulsada por un grupo de mulleres comerciantes. No que levamos de ano, a campaña chegou en xaneiro á tenda de moda e complementos Cousa Linda, que deu a coñecer os traballos de investigación da delegación da Coruña da Asociación Española contra o cancro. En febreiro, tocoulle á xoiaría José Antonio, que colaborou con Sociedade Internacional de Galicia; en marzo a xoguetería EscondiT difundiu o traballo da Obra Social de Pediatría; e xa en abril, a tenda de alimentación D- Aldea difundiu o labor da Asociación Abeiratúa, que traballa con enfermas oncolóxicas. En maio, a campaña estivo centrada en visibilizar o labor da Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, en colaboración con “La Tienda de María”; e en xuño a campaña estivo protagonizada por Atmósfera Centro Deportivo, que divulgou o traballo de ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson e ELA.