A Alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, entregou no día de hoxe ao rexedor de Xenebra, Alfonso Gómez, o IV Premio “Lorca, Guerra de Cal, Blanco Amor” ao diálogo e á concordia.
O acto, organizado pola Asociación Cultural Casino de Santiago, presidida por Ubaldo Rueda, tamén premiou ex aquo a Adela Cortina, que non puido acudir ao acto. Nel, tamén participou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín eloxiou a ambos os dous premiados polo que significan para o diálogo e a concordia. Ademais, afirmou que “(…) só medraremos como concello se conseguimos que a concordia e o diálogo se impoñan nas relacións socias, nos debates políticos, nos encontros institucionais, no día a dia de todas e cada unha das persoas que formamos parte na comunidade (…)”. Goretti Sanmartín defendeu unha das liñas de acción desde que chegou á Alcaldía: “traballar pola integración, pola inclusión, pola non discriminación, pola xustiza social, por non deixar ninguén atrás, ninguén fóra”.
Pola súa parte, María Rozas felicitou ás dúas persoas premiadas e agradeceulles a súa defensa dos valores da igualdade, da xustiza e da sostibilidade, para garantir a supervivencia da humanidade.