A AECC E O CONCELLO DE SANTIAGO PRESENTAN A SEGUNDA EDICIÓN DA ANDAINA SOLIDARIA CONTRA O CANCRO

07/09/2023 | Novas

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, acompañada polo presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, Francisco Pais, presentou hoxe a II edición da Andaina Solidaria Santiago de Compostela En Marcha Contra o Cancro que terá lugar o vindeiro 23 de setembro a partir das 10:00h na Alameda.

María Rozas animou a toda a veciñanza a participar na andaina, e agradeceu o traballo da Asociación Española contra o Cancro “polo seu inmenso traballo en apoio ás persoas doentes de cancro e ás súas familias, chegando a onde moitas veces non chegan as Administracións Públicas, aínda que deberan“. Salientou tamén o seu esforzo no impulso de iniciativas para a sensibilización, a prevención e a detección precoz do cancro, así como para a investigación. Nesa liña, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais mostrou o seu desexo de que “este traballo da AECC vaia acompañado polo esforzo das Administracións Públicas, e polos recursos necesarios para garantir máis investigación e a mellor das atencións en tempo e forma aos pacientes oncolóxicos

O ano pasado a solidariedade dos composteláns e compostelás tinguiu Santiago de verde nunha cita na que todos nos puxemos en marcha contra o cancro para impulsar a investigación oncolóxica. Este ano esperamos contar co mesmo apoio por parte dos nosos veciños e veciñas, para camiñar xuntos e tamén para dar a coñecer a importancia da investigación na Feira divulgativa Ciencia para todos. Será unha xornada para desfrutar unha divertida mañá en familia, con amigos e veciños. Esperámosvos a todos e todas“, declarou Francisco Pais.

Coa iniciativa desta andaina, a Asociación non so fomenta hábitos de vida saudables, senón que tamén axuda a desenvolver a investigación oncolóxica e o financiamento de proxectos dirixidos a mellorar o diagnóstico, o tratamento da enfermidade e o apoio a miles de pacientes e ás súas familias mediante os programas e servizos totalmente gratuítos que ofrece.

No marco desta xornada, celebrarase tamén o Día Mundial de Investigación Contra o Cancro. Para iso, organizarase a Feira divulgativa “Ciencia para Todos“, con casetas onde investigadores explicarán o seu labor e levarán a cabo experimentos interactivos. O evento contará coa colaboración de grupos do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), a USC, o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet), BFlow biotecnología y ciencias de la salud, así como os servizos de Cardioloxía do CHUS (Cardiochus) e de Farmacia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

II Andaina En Marcha Contra ou Cancro: O percorrido da andaina, de 5 quilómetros, será circular, con saída e meta no paseo central da Alameda compostelá. Discorrerá polo paseo da Ferradura, a avenida de Compostela, a avenida das Burgas, a avenida do Profesor Legaz Lagambra e a avenida de Antonio Raimundo Ibáñez antes de regresar ao emblemático parque. O circuíto completarase dúas veces.

As inscricións para a andaina poden facerse na páxina web da entidade e na sede da Asociación en Santiago (Avda. Barcelona, 29, baixo) de luns a venres entre as 9:00 e as 15:00 horas. Tamén é posible a inscrición no departamento de deportes do Corte Inglés (Rúa Restollal, 50) en horario de 10:00 a 22:00 de luns a sábado. A inscrición estará aberta ata o próximo 22 de setembro ás 15:00 horas. Ademais, o propio día do evento será posible apuntarse de forma presencial ata unha hora antes do comezo do evento na propia Alameda.

Os inscritos recibirán a camiseta oficial da andaina e un dorsal personalizable para escribir unha dedicatoria. Quen se inscriba a través da web ou na sede local poderán recollelos na Asociación, e os que o fagan no Corte Inglés teranos á súa disposición no propio establecemento.

Esta iniciativa é posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela, das empresas patrocinadoras, como son Vegalsa e Solán de Cabras. Colaboran na iniciativa El Corte Inglés, Moonoff, CiMUS, CiQUS, USD, Oncomet, Cardiochus, BFlow, Servizo de Farmacia da Area Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e Eurobanan.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local