O Concello e a Asociación Española Contra o Cancro colaboran nunha nova edición das “Rutas Saudables”

07/10/2025 | Novas

 

A concelleira María Rozas presentou hoxe a iniciativa acompañada por Nerea Arceo, representante da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago, e Patricia Baños, psicóloga da entidade. A tenenta de alcaldesa salientou a importancia da actividade física “para termos unha vida máis saudable, e en concreto na prevención e no tratamento do cancro”. María Rozas tamén destacou que estas rutas “permiten tecer comunidade e crear lazos entre pacientes oncolóxicas e as súas familias”

Pola súa banda, Nerea Arceo e Patricia Baños explicaron que o obxectivo do programa é facer exercicio “pero sobre todo crear rutinas saudables, de balde e accesibles para todos e todas, e que se desenvolven en compañía”.

O programa de Rutas Saudables forma parte das accións de prevención da Asociación Española Contra o Cancro, e consiste en paseos de entre 60 e 90 minutos de duración, guiados por persoas voluntarias que acompañan e velan pola seguridade e benestar dos e das participantes. Os percorridos, deseñados en colaboración co Concello, transcorren por distintos puntos da cidade e permiten descubrir espazos como o Parque Eugenio Granell, a Carballeira de San Lourenzo, o Parque de Belvís ou o Xardín de Fonseca.

As Rutas Saudables celebraranse os martes, a partir das 11.00 horas, e cunha periodicidade quincenal. A primeira saída será o martes 14 de outubro. A actividade está dirixida a toda a poboación maior de 16 anos e ofrece a oportunidade de mellorar a saúde física e emocional mediante a práctica regular de exercicio en grupo, favorecendo ao mesmo tempo a socialización nun contorno urbano e natural.

Inscricións abertas

As persoas interesadas poden inscribirse na sede da Asociación Española Contra o Cancro en Santiago (Avda. Barcelona, 29 baixo), chamando ao teléfono 981 576 479 ou a través do correo electrónico santiago.compostela@contraelcancer.es. Para participar é necesario realizar unha inscrición previa e completar un breve cuestionario antes e despois do programa, que permitirá avaliar a eficacia da iniciativa e comprobar como mellora o estado de saúde das persoas participantes.

As Rutas Saudables da Asociación enmárcanse no Plan 2 Millóns, un proxecto impulsado polo Clúster do Deporte Galego que busca incrementar os niveis de actividade física en dous millóns de galegos e galegas, contribuíndo así a unha vida máis activa e saudable.

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 72 anos, con máis de 728.000 socios e socias e 35.000 persoas voluntarias. A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Na actualidade destina 143 millóns de euros a 750 proxectos de investigación nos que participan máis de 2.300 investigadores e investigadoras. Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 136.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local