A Concellaría de Dereitos Sociais incorpora o pagamento anticipado nos convenios nominativos con entidades sociais

30/06/2025 | Novas

O Concello de Santiago vén de implantar por primeira vez o pagamento anticipado para os convenios nominativos con entidades sociais. A Xunta de Goberno acordou hoxe autorizar o pago de tres destas subvencións, por un importe total de 200.000 euros. Explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, que salientou que “atendemos así unha demanda histórica do terceiro sector, que facilitará enormemente a liquidez das entidades”.

A Xunta de Goberno autorizou hoxe o pagamento anticipado de tres convenios con outras tantas entidades sociais: Cáritas Diocesana, por un importe de 120.000 euros; Cociña Económica, por 70.000 euros; e a ASPANAES, cunha achega municipal de 10.000 euros. Tal e como explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, “esta fórmula do pagamento anticipado permítelle ás entidades sociais afrontar os pagos dos programas previstos nos convenios sen ter que adiantar fondos e sen ter que botar man de créditos polos que despois terían que pagar xuros”. Desta maneira, destacou María Rozas, “mellórase a liquidez das entidades”. Ademais, esta fórmula permite que as asociacións poidan xustificar as subvencións con gastos de todo o ano, e non de 9 ou 10 meses do ano como acontecía ata o de agora.

A tenenta de alcaldesa salientou que o obxectivo do Goberno é que cando menos unha de cada tres entidades que traballan cos Servizos Sociais Municipais poidan acollerse á formula do pagamento anticipado das subvencións municipais.

Aprobados convenios con entidades sociais por 320.000 euros

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe once convenios con outras tantas entidades sociais, que suporán unha achega municipal dun total de 320.000 euros. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais lembrou que o Goberno fai no orzamento de 2025 “unha aposta non só por ampliar as políticas sociais senón tamén de reforzar a colaboración do Concello co terceiro sector, con entidades que fan unhas funcións fundamentais para a veciñanza”.

Entre os convenios aprobados hoxe destacan, pola súa contía, o asinado con Cruz Vermella para o desenvolvemento do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais, ao que se destinan 124.607,24 euros, case 25.000 euros máis que o ano pasado. Manténse en 60.000 euros a achega municipal para o mantemento do albergue de Xoán XXIII;  Proxecto Home recibirá 45.000 euros, en virtude do convenio de colaboración aprobado hoxe, e a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais seguirá colaborando co programa de Inclusión Promociona que impulsa a Fundación Secretariado Gitano, cunha partida de 27.000 euros. Para o desenvolvemento do programa de atención bucodental a persoas en risco de exclusión social, o convenio coa Universidade de Santiago aprobado hoxe contempla unha dotación de 20.000 euros.

Tamén recibiron luz verde os convenios con Dano Cerebral de Santiago para o seu programa de actividades acuáticas e autocoidado (8.000 euros); a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson, Ela, outras enfermidades neurodexenerativas e enfermedades raras (ACEM) para o seu programa de fisioterapia (12.000 euros); e a Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental (9.000 euros). A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) recibirá 6.000 euros para o seu programa de respiro e/ou emerxencia familiar; a Fundación Andrea percibirá 3.000 euros e, por último, a Xunta de Goberno aprobou o convenio coa Escola de Tempo Libre Don Bosco, cunha dotación de 5.000 euros.

 

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local