O Concello de Santiago vai reforzar o Servizo Municipal de Atención a Emerxencias Sociais (SEMUS), prestado a través dun convenio coa Cruz Vermella que verá incrementado o seu orzamento ata case os 125.000 euros. Así se recolle no acordo adoptado na Xunta de Goberno de hoxe, que aprobou a participación do Concello no POS+2025 da Deputación da Coruña para o financiamento de gastos sociais extraordinarios deste exercicio.
O SEMUS Compostela é un servizo municipal que presta o Concello de Santiago, conveniado coa Cruz Vermella e financiado pola Deputación da Coruña no marco do POS +. O obxectivo deste servizo é ofrecer unha atención especializada a persoas en situación de vulnerabilidade, fóra dos horarios de atención dos Servizos Sociais municipais, e os 365 días do ano. O Servizo Municipal de Atención a Emerxencias Sociais encárgase tamén da atención a persoas sen fogar, realizando rutas nocturnas para detectar estas situacións, facer seguimento, e facilitando recursos de subsistencia e aloxamento nos casos nos que iso é posible.
O acordo adoptado hoxe pola Xunta de Goberno permitirá reforzar ese servizo, ao incrementar a achega solicitada á Deputación da Coruña dentro do POS+ 2025 ata 124.60,24 euros, fronte aos 100.000 euros de anos anteriores.
Balance do SEMUS
En 2024, o Servizo Municipal de Atención a Emerxencias Sociais realizou 148 rutas nocturnas para atender as persoas sen fogar e entregou case 5.500 packs de alimentos e bebida e 1.150 prendas de abrigo.
O SEMUS tamén se activou para atender un total de 188 urxencias sociais, en situacións diversas como caídas de persoas maiores ou dependentes nos seus domicilios, persoas desorientadas; acompañamentos ou asesoramento a vítimas de violencia de xénero, persoas con discapacidade ou persoas con problemas de saúde mental; ou procura de recursos habitacionais de emerxencia. Neste último apartado, xestionáronse 31 aloxamentos provisionais para un total de 46 persoas.