A Xunta de Galicia ven de informar no día de hoxe aos profesionais dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos dos diferentes concellos de Galicia, da posta en marcha do Programa Básico, cuxas solicitudes poderán realizarse a partires do día de mañá.
O programa Básico consiste na posta a disposición da veciñanza de tarxetas canxeables por produtos de asistencia material básica, en concreto produtos de alimentación (excluíndose todo tipo de bebidas e refrescos que conteñan gas, azucre ou produtos substitutivos; bebidas alcohólicas; produtos dietéticos; bolería; auga embotellada, agás en circunstancias nas que non se poida acceder á auga potable; e produtos elaborados, fóra de legume precociñada e conservas), así como artigos de hixiene (tales como xabón, champú, pasta de dentes, produtos de hixiene feminina menstrual e cueiros infantís).
As tarxetas unicamente poderán empregarse nos establecementos colaboradores do programa, por ter sido adxudicatarios da licitación promovida por Cruz Roja Española. En Galicia estes establecementos pertencen a catro cadeas: Alcampo, Alimerka, Carrefour e Vegalsa-Eroski.
A contía mensual vinculada á tarxeta está fixada en función da composición da unidade familiar (na que conviva sempre ao menos, unha persoa menor de idade), de acordo cos seguintes importes:
- Familia de 2 membros: 130 €/mes
- Familia de 3 membros: 160 €/mes
- Familia de 4 membros: 190 €/mes
- Familia de 5 ou mais membros: 220 €/mes
Poden ser persoas beneficiarias deste recurso:
- Persoas que estean empadroadas nalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Formar parte dunha unidade familiar de convivencia con, polo menos, unha persoa menor ao seu cargo.
- Vivir en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo sexan inferiores ao 40 % da renda mediana nacional. Para estes efectos computaranse a totalidade de ingresos que perciben as persoas integrantes da unidade familiar de convivencia.
Para mais información, débese solicitar cita coas profesionais de Traballo Social do Punto de Atención de Servizos Sociais (PASS) que lle corresponda segundo o seu domicilio.