A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais visitou esta mañá dous dos centros que Aspanaes xestiona en Santiago, en concreto as instalacións do Servizo de Atención Temperá, en Villestro, e o Centro de Educación Especial Duques de Lugo, en Lamas de Abade. María Rozas estivo acompañada polo presidente da entidade, Ignacio Labella; o director xerente, Daniel Viéitez, e o seu antecesor no cargo, José Alén.
Durante a visita, María Rozas puido coñecer mellor o traballo que Aspanaes desenvolve en Santiago, co obxectivo de apoiar ás persoas con transtorno do espectro autista. Os responsables da entidade explicaron que o número de usuarios e usuarias da entidade non deixou de medrar, e na actualidade xa son máis de 200, fronte as poucas máis de 50 de hai 15 anos. Esta evolución está relacionada co aumento de casos diagnosticados, cada vez a unha idade máis temperá. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais comprometeuse a explorar novas vías e proxectos de colaboración con Aspanaes, alén da subvención nominativa que asociación recibe con carácter anual.
O Servizo de Atención Temperá e o Centro de Educación Especial de Aspanaes están localizados en edificios de titularidade municipal, que o Concello de Santiago lle cedeu no seu día á Asociación de pais e nais de persoas con espectro autista. O Servizo de Atención Temperá, que ocupa a antiga escola e Carballal, en Villestro, atende a nenos e nenas de ata 6 anos, e na actualidade conta con máis de 50 usuarios e usuarias. En canto ao Centro de Educación Especial de Lamas de Abade, ofrece servizo educativo desde os 3 ata os 21 anos, e conta tamén con máis de medio cento de alumnos e alumnas. Estes servizos complétanse con outros centros que Aspanaes xestiona en Santiago, en concreto un Servizo de estratexias psicoeducativas e habilidades persoais e sociais, e un servizo de atención diurna.