Que servizos ofrece?
Consiste nun servizo de transporte adaptado programado e non urxente para a prestación de servizos puntuais.
A prestación do Servizo procurará cubrir as necesidades de desprazamento das persoas que teñan recoñecida a condición de usuarias do servizo no ámbito de Galicia, de acordo coa seguinte orde de prioridades:
- Acudir a consultas médicas do sistema público e concertado ou das mutualidades de funcionarios públicos, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema sanitario, e sempre que exista unha confirmación de cita previa para acudir á consulta.
- Traslados aos centros asistenciais do sistema galego de servizos sociais que prestando servizo de aloxamento, de carácter permanente ou temporal, non dispoñan de servizo de transporte, e prioritariamente aos que conten con financiamento público.
- Acudir a programas ou actividades que se presten prioritariamente en centros do sistema galego de servizos sociais que conten con financiamento público, e que non dispoñan de servizo de transporte.
- Asistir a actividades de carácter educativo e formativo que favorezan a integración laboral e a promoción da autonomía persoal, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema público educativo.
- Asistir a actividades relacionadas co coidado persoal, tanto a nivel terapéutico como rehabilitador.
Sempre que estean cubertas as ditas prioridades e exista dispoñibilidade de medios, poderanse prestar servizos para as seguintes actividades, e pola seguinte orde de prioridade:
- Realizar xestións de carácter legal e/ou administrativo.
- Asistir a actividades de carácter cultural, deportivas e/ou sociais.
Quen pode solicitar a súa participación?
Poderán ser usuarios/as do servizo as persoas residentes en Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter recoñecida a imposibilidade de utilización de transporte público colectivo, motivada pola súa situación de dependencia ou discapacidade.
- Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos, ou ter recoñecido un grao de discapacidade igual o superior ao 75 %.
Excepcionalmente poderán obter a condición de persoa usuaria aquelas persoas que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 75 %, sempre que se acredite a concorrencia de circunstancias que aconsellen o uso de transporte adaptado e así conste no Informe Social elaborado dende o Departamento de Traballo Social de referencia, ben sexa dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos, ben sexa dende o sistema de saúde.
O acceso a este servizo estará condicionado a que as necesidades de transporte non poidan ser cubertas de xeito satisfactorio polo medios convencionais de transporte público de uso xeral, unha vez que se incorporen a estes os sistemas de adaptación precisos.
Como se realiza a tramitación?
Para efectuar esta tramitación a través do concello é necesario que concerte cita previa co teléfono de CITA PREVIA de Servizos Sociais. Acuda ao Punto de Atención de Servizos Sociais que corresponda polo domicilio con cita previa.
Os profesionais valoran individualmente cada situación e o apoian na tramitación da axuda e a viabilidade do servizo.
O día da cita é aconsellable aportar a seguinte documentación necesaria para a súa tramitación.
Documentación
- Fotocopia do DNI ou NIE da persoa solicitante e certificado de empadroamento, só no caso de que non dea o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal.
- Cando a persoa solicitante sexa menor de idade e non estea en posesión do DNI, copia do libro de familia, na que se inclúa a folla na que apareza o nome do/a beneficiario/a.
- Certificación da discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, só cando non sexa expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.
- Se é o caso, acreditación documental da representación que se ten da persoa que formula a solicitude, e copia do documento identificativo (DNI/NIE) da persoa representante, salvo que no escrito de solicitude se autorice a esta Administración para a comprobación da mesma.
Prazo
En calquera momento.