A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais visitou esta mañá o centro de rehabilitación psicosocial da Asociación Fonte da Virxe de familiares de persoas con enfermidade mental. María Rozas mantivo un encontro coas responsables da entidade, que o ano que vén cumprirá 30 anos.
A Asociación Fonte da Virxe conta cun cento de persoas usuarias, no seu centro de rehabilitación psicosocial, no Campo do Forno, e no centro ocupacional da Barcia. Ademais, ten en marcha un programa de acompañamento integral, pensado para as persoas con enfermidade mental do ámbito rural, e unha escola de familias que se reúne mensualmente. Durante a visita, María Rozas puido coñecer o traballo que desenvolve a entidade, e tamén coñecer o funcionamento dos obradoiros de cerámica, coiro ou música, que se imparten no centro. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais mostrou a súa vontade de manter a colaboración coa asociación, que recibe unha subvención anual do Concello, e ofreceu o apoio municipal á celebración do 30 aniversario da asociación Fonte da Virxe, en 2024.