Resolución definitiva da convocatoria de bolsas municipais

13/09/2024 | Novas

A convocatoria das bolsas de comedor escolar, adquisición de material escolar e actividades extraescolares pechouse con 1.997 axudas concedidas. É a cifra máis alta da historia desta convocatoria, que chegou ao 30% dos nenos e nenas menores de 12 anos empadroados en Santiago.

A concellaría de Dereitos e Servizos Sociais aprobou a resolución definitiva da convocatoria, á que se destinou un orzamento de 1,1 millóns de euros, un 40% máis que no curso anterior. María Rozas reiterou a súa satisfacción por “ter situado a Santiago como a cidade galega que destina máis fondos por habitante a estas axudas, demostrando a nosa clara aposta pola igualdade de oportunidades”. Tamén salientou o esforzo do Concello, “tendo en conta que pasamos de destinar 70.000 euros ás bolsas de comedor, a única modalidade existente, no curso 2013-2014, a 1,1 millón de euros neste curso”. Ademais, a concelleira recordou que “nesta convocatoria introducimos moitas novidades, tamén en canto aos criterios de renda, para facilitar que as axudas chegaran a máis familias”.

Sen lista de agarda en ningunha modalidade

A resolución definitiva da convocatoria das bolsas de comedor escolar, adquisición de material escolar e actividades extraescolares sinala un importante incremento das axudas concedidas en todas as modalidades. O maior aumento, dun 93 %, prodúcese nas bolsas de comedor escolar por razóns de conciliación, que pasan das 160 do curso pasado a 309. As axudas para a adquisición escolar medran un 67,6%, pasando de 167 a 280; e as bolsas para actividades extraescolares chegan a 600, cun aumento do 23% con respecto ás 487 concedidas no curso pasado.A modalidade con máis bolsas concedidas é a de comedor escolar por escaseza de recursos, que pasan de 637 a 808, o que supón un aumento do 26,8%.

En total, foron concedidas 1.997 axudas, o que supón un incremento do 37,6% con respecto ás axudas concedidas no curso pasado. Por primeira vez na historia da convocatoria, non quedou ningunha crianza en lista de agarda en ningunha das modalidades das bolsas.

Contías
En canto ás contías das diferentes modalidades, na convocatoria deste ano houbo tamén algunhas novidades. A principal refírese ás bolsas para a adquisición de material escolar, que quedaron fixadas nun máximo de 100 euros, fronte aos 60 de anteriores convocatorias. En canto ás bolsas para actividades extraescolares, serán de 15 euros mensuais no caso de actividades de 1 hora ou un día á semana, e ata 30 euros mensuais para o caso de actividades dende 2 horas ou 2 días á semana.

En canto ás bolsas de comedor, na modalidade de conciliación o importe establecido mantívose en 45 euros mensuais, mentres que na modalidade de escaseza de recursos, a contía mantívose en 90 euros mensuais, pero como novidade incorporouse a posibilidade de conceder axudas de ata 180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial. Ademais, no caso destes centros as axudas tamén se poderán solicitar para Secundaria.

https://servizossociais.santiagodecompostela.gal/wp-content/uploads/2024/09/Resolucion-definitiva.pdf

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local