Os nenos e nenas de Santiago toman a palabra: comeza o proceso para a creación do Consello Municipal da Infancia

28/01/2026 | Novas

O Concello de Santiago, a través do departamento de Dereitos Sociais, creará no primeiro semestre do ano o Consello Municipal da Infancia, un órgano estable de participación que lles permitirá ás nenas e nenos exercer o seu dereito a seren escoitados e a formar parte activa da vida municipal. Anunciouno hoxe a concelleira María Rozas, que explicou que coa posta en marcha deste novo instrumento “seguimos avanzando en materia de participación, e dámoslle cumprimento ao mandato da Convención dos Dereitos da Infancia, que insta aos Estados a garantir que os nenos e nenas poidan expresar a súa opinión sobre os asuntos que lles afectan e a que esas opinións sexan tidas en conta”.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta do procedemento para a posta en marcha do Consello Municipal da Infancia acompañada pola xefa de servizo de Servizos Sociais, Teresa Furelos, e por Ismael Blanco, da consultora Deloga, que se ocupará de dinamizar o proceso participativo. A tenenta de alcaldesa puxo en valor “a aposta que vimos facendo pola participación neste mandato, no que reactivamos o Consello Municipal de Maiores, recuperamos o Consello Municipal de Cooperación e actualizamos o regulamento do Consello Municipal de Mocidade despois de 25 anos, ademais de impulsar outros procesos como os Orzamentos Participativos”. Rozas explicou que “era a quenda da infancia, un colectivo prioritario para a Concellaría de Servizos Sociais ao que lle temos que garantir o dereito á participación da mesma maneira que procuramos garantirlle o dereito á educación ou á saúde”.
Proceso participado
O Consello Municipal da Infancia será un órgano consultivo no que os nenos e nenas poderán expresar as súas preocupacións, formular as súas propostas, ou participar no deseño das accións que lles afectan de maneira directa; ao tempo que reforzan a aprendizaxe en valores democráticos.
Para a súa creación, desde a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais estase a impulsar un proceso participativo que implicará a todos os centros educativos de educación primaria de Santiago, as ANPAS e as entidades do terceiro sector e organizacións do tecido asociativo vinculadas á infancia. A folla de ruta establecida prevé distintas fases de traballo. A primeira será a da presentación da iniciativa aos centros educativos, e para iso xa está convocada unha primeira xuntanza que se celebrará o 3 de febreiro. Haberá ademais sesións informativas dirixidas ao profesorado e reparto de materiais explicativos para as familias. Posteriormente realizaranse encontros co alumnado nos centros para explicar o proxecto, motivar a súa implicación e recoller propostas iniciais.
A seguinte fase será a da creación dun grupo impulsor, do que poderán facer parte nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, é dicir de 4º, 5º e 6º de Primaria, ben por iniciativa propia ou a proposta do profesorado, das ANPAS ou das entidades sociais. O traballo deste grupo impulsor definirá como vai funcionar o Consello da Infancia, que temas se tratarán nel, ou como se organizarán as reunións; ademais de traballar no futuro regulamento do Consello que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación. O obxectivo é que o proceso estea culminado, coa constitución formal do Consello Municipal da Infancia, antes de que remate este curso. Os rapaces e rapazas do grupo impulsor poderán facer parte inicialmente do órgano como conselleiros e conselleiras infantís.
Ademais de recoñecer a participación dos nenos e nenas como un dereito fundamental, o Consello da Infancia promoverá a igualdade de oportunidades, reforzará valores como a cohesión social e a corresponsabilidade, permitirá mellorar as políticas públicas incorporando a visión da infancia, e permitirá establecer canles de colaboración entre centros educativos, familias, profesorado, entidades sociais e administración local.
Para participar no proceso ou solicitar máis información habilitáronse o mail conselloinfancia@santiagodecompostela.gal e o teléfono 604 04 73 37.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local