En marcha o proceso participativo para a creación do Consello Municipal da Infancia

04/02/2026 | Novas

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presidiu onte as primeiras reunións do proceso aberto para a creación do Consello Municipal da Infancia. Foron dúas xuntanzas nas que participaron representantes de diferentes centros educativos de Santiago e de entidades que traballan con nenos e nenas. A tenenta de alcaldesa pediulles a súa colaboración na posta en marcha dun órgano “que procura que os nenos e nenas poidan exercer o seu dereito a seren escoitados e a formar parte activa da vida municipal”.
O Consello Municipal da Infancia será un órgano consultivo no que os nenos e nenas poderán expresar as súas preocupacións, formular as súas propostas, ou participar no deseño das accións que lles afectan de maneira directa; ao tempo que reforzan a aprendizaxe en valores democráticos. Para a súa creación, desde a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, co apoio da empresa Deloga, deseñouse un proceso participativo que quere implicar a todos os centros educativos de educación primaria de Santiago, as ANPAS e as entidades do terceiro sector e organizacións do tecido asociativo vinculadas á infancia. Na primeira fase, que comezou onte, celebraranse diferentes reunións e sesións informativas co profesorado, e haberá tamén reparto de materiais explicativos ás familias. Tamén se realizarán encontros co alumnado nos centros educativos para explicar o proxecto, motivar a súa implicación e recoller propostas iniciais.
A seguinte fase será a da creación dun grupo impulsor, do que poderán facer parte nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, é dicir de 4º, 5º e 6º de Primaria, ben por iniciativa propia ou a proposta do profesorado, das ANPAS ou das entidades sociais. O traballo deste grupo impulsor definirá como vai funcionar o Consello da Infancia, que temas se tratarán nel, ou como se organizarán as reunións; ademais de traballar no futuro regulamento do Consello que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación. O obxectivo é que o proceso estea culminado, coa constitución formal do Consello Municipal da Infancia, antes de que remate este curso. Os rapaces e rapazas do grupo impulsor poderán facer parte inicialmente do órgano como conselleiros e conselleiras infantís.

Ademais de recoñecer a participación dos nenos e nenas como un dereito fundamental, o Consello da Infancia promoverá a igualdade de oportunidades, reforzará valores como a cohesión social e a corresponsabilidade, permitirá mellorar as políticas públicas incorporando a visión da infancia, e permitirá establecer canles de colaboración entre centros educativos, familias, profesorado, entidades sociais e administración local.
Para participar no proceso ou solicitar máis información habilitáronse o mail conselloinfancia@santiagodecompostela.gal e o teléfono 604 04 73 37.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local