O Consello Municipal de Persoas Maiores celebrou unha nova xuntanza, presidida pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, na que se abordaron diferentes cuestións de interese para as persoas maiores de Santiago.

Un dos principais acordos foi impulsar unha campaña municipal de sensibilización para dar visibilidade ás situacións de violencia e maltrato que sofren algunhas persoas maiores e contribuír á súa prevención. A campaña desenvolverase en 2027, arredor do 15 de xuño, Día Mundial de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, e parte dunha proposta do grupo de traballo sobre esta materia creado no propio Consello.

Durante a reunión tamén se informou do traballo que está a desenvolver unha comisión impulsada polo Tribunal de Instancia de Santiago, na que participa o Concello a través dos Servizos Sociais e da Policía Local. Este grupo está a analizar as dificultades para detectar e abordar as situacións de maltrato, especialmente cando se producen no ámbito familiar.

Cómpre lembrar que a violencia contra as persoas maiores non se manifesta unicamente mediante agresións físicas. Tamén pode producirse a través de insultos, ameazas, abusos económicos ou situacións de abandono e desatención. Por iso, é fundamental visibilizar esta realidade e facilitar que estas situacións poidan detectarse e recibir a atención necesaria.

Na xuntanza tamén se abordou a situación de servizos de especial interese para as persoas maiores, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Ademais, a petición das entidades que forman parte do Consello, acordouse solicitar información á Xunta de Galicia sobre a situación do Centro de Coidados Intermedios de Salgueiriños.

O Consello Municipal de Persoas Maiores continúa así a súa labor como espazo de participación e diálogo entre o Concello e as entidades que representan este colectivo, permitindo compartir necesidades, propoñer iniciativas e avanzar na mellora da calidade de vida das persoas maiores de Santiago.