A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, participaron na inauguración da nova sede da Fundación Secretariado Xitano, situada na rúa das Fontiñas. O acto contou tamén coa presenza de representantes dos diferentes grupos políticos municipais e doutras administracións.
A nova sede permitirá á Fundación continuar desenvolvendo o seu traballo de acompañamento e apoio á comunidade xitana, promovendo a igualdade de oportunidades e a inclusión social.
Durante o acto, a alcaldesa destacou o carácter acolledor e diverso de Santiago de Compostela e o compromiso do Concello coa comunidade xitana e co labor que desenvolve esta entidade desde hai décadas.
Entre as iniciativas que leva a cabo a Fundación destaca o programa Promociona, que conta co apoio do Concello de Santiago e que traballa para favorecer o éxito educativo da infancia e mocidade xitana, previr o abandono escolar e facilitar a continuidade dos estudos.
A alcaldesa puxo especialmente en valor a importancia da educación como ferramenta para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e con máis oportunidades para todas as persoas. Tamén destacou o exemplo das mozas e mozos que continúan os seus estudos e acadan novas metas, converténdose nun referente para as xeracións máis novas.
Desde o Concello de Santiago reafírmase así o compromiso de seguir colaborando coa Fundación Secretariado Xitano e coas entidades que traballan cada día para combater a discriminación, favorecer a convivencia e construír unha cidade máis inclusiva, na que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de condicións.
