O Concello concede 2.083 axudas para o curso 2026-2027, un 10% máis que na convocatoria anterior, cun investimento de 1.150.000 euros.
O Concello de Santiago concedeu un total de 2.083 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares para o curso 2026-2027. É a primeira vez que se supera a cifra das 2.000 axudas, fronte ás 1.893 concedidas no curso anterior.
A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais aprobou a resolución definitiva desta convocatoria, que conta cun orzamento de 1.150.000 euros e permitirá que estas axudas cheguen aproximadamente ao 25% dos nenos e nenas en idade escolar de Santiago.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, destacou o incremento do número de familias beneficiarias e o compromiso municipal de apoiar a conciliación e facilitar que todos os nenos e nenas poidan acceder aos servizos de comedor, ao material necesario para a súa formación e ás actividades fóra do horario escolar.
Máis de 2.000 axudas para apoiar ás familias
As bolsas concedidas distribúense nas seguintes modalidades:
- 842 bolsas de comedor por escaseza de recursos, 49 máis que no curso anterior.
- 281 bolsas de comedor por razóns de conciliación, 54 máis que na convocatoria anterior.
- 661 axudas para actividades extraescolares, 60 máis que o curso pasado.
- 299 bolsas para a adquisición de material escolar, 27 máis que na convocatoria anterior.
Máis investimento e maiores axudas para actividades extraescolares
O Concello destina este curso 1.150.000 euros a estas bolsas, 50.000 euros máis que no curso anterior e 400.000 euros máis que no anterior mandato municipal.
Ademais, incrementouse a contía das axudas para actividades extraescolares, que pasan de 15 ou 30 euros mensuais a un máximo de 35 euros ao mes por menor beneficiario, independentemente do número de actividades nas que participe.
O resto das contías mantéñense:
- Comedor por escaseza de recursos: cobertura do 100% do custo nos centros públicos, ata un máximo de 100 euros mensuais (180 euros nos centros de educación especial).
- Comedor por conciliación: 45 euros mensuais.
- Material escolar: ata 100 euros nun único pagamento.
Un apoio ás familias e á igualdade de oportunidades
Estas bolsas forman parte do compromiso dos Servizos Sociais municipais coas familias de Santiago. O seu obxectivo é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, apoiar a economía dos fogares e garantir que todos os nenos e nenas poidan acceder aos servizos e actividades que contribúen ao seu desenvolvemento educativo e persoal.
Porque apoiar as familias tamén é garantir que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades para aprender, compartir e medrar!.
