A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, participaron hoxe na inauguración da xornada “Dano Cerebral e Accesibilidade Universal”, organizada por Dano Cerebral Galicia no Centro de Referencia de Servizos Avanzados (Cersia).

Durante a apertura do encontro, María Rozas reivindicou a necesidade de construír unha cidade na que todas as persoas poidan participar en igualdade de condicións, con independencia das súas capacidades ou necesidades. Neste sentido, lembrou que “a contorna ten que adaptarse ás persoas e non ao contrario”, e apelou á responsabilidade das administracións para procurar espazos públicos accesibles e inclusivos.

A concelleira incidiu en que a accesibilidade universal vai moito máis alá de eliminar barreiras arquitectónicas. Supón tamén ter en conta a diversidade sensorial e as diferentes necesidades das persoas, para que todas poidan desprazarse, comunicarse, relacionarse e participar plenamente na vida da cidade.

María Rozas lembrou que “todos e todas temos os mesmos dereitos, e garantilos é unha cuestión de xustiza social”. Un compromiso que require seguir traballando para que ningunha persoa quede atrás e para que os espazos e servizos públicos sexan realmente accesibles para toda a cidadanía.

Desde o Concello de Santiago queremos trasladar o noso recoñecemento ao labor de Dano Cerebral Galicia e das entidades que traballan cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias. Avanzar cara a unha cidade máis accesible é unha responsabilidade compartida e unha condición imprescindible para construír unha Compostela máis xusta, inclusiva e igualitaria.