A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou no acto institucional celebrado con motivo do Día do Dano Cerebral Adquirido, unha xornada para dar visibilidade á realidade das persoas afectadas e reivindicar os apoios que precisan para desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade e autonomía.
Durante o encontro, as persoas afectadas puxeron o foco na necesidade de contar cun compromiso real das administracións e cunha resposta coordinada que dea resposta ás súas necesidades e ás das súas familias. O dano cerebral adquirido pode ter importantes consecuencias na vida cotiá, na autonomía persoal e nas relacións sociais, polo que resulta fundamental garantir recursos de apoio, atención especializada e acompañamento ao longo do proceso.
A alcaldesa ofreceu o Concello de Santiago como aliado nesta tarefa, nun compromiso que pasa por escoitar as persoas afectadas, visibilizar as súas demandas e avanzar na construción dunha cidade máis accesible, inclusiva e sensible ás distintas realidades da cidadanía.
Desde os Servizos Sociais, o recoñecemento das necesidades de apoio e a colaboración coas entidades sociais son fundamentais para favorecer a participación comunitaria, previr situacións de exclusión e contribuír a que todas as persoas poidan vivir con dignidade e exercer os seus dereitos en igualdade de condicións.
Porque detrás de cada dano cerebral adquirido hai unha persoa, unha familia e un proxecto de vida que merece contar cos apoios necesarios.
