A alcaldesa de Santiago e varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal participaron un ano máis na Cea Solidaria contra o Cancro, unha cita que reúne persoas, entidades e institucións arredor dun obxectivo común: avanzar na loita contra unha enfermidade que afecta a milleiros de persoas e ás súas familias.
A velada foi unha oportunidade para mostrar o apoio da cidade ás persoas que están a vivir a enfermidade, ás súas familias e a todas as persoas profesionais e entidades que traballan cada día para mellorar a prevención, o diagnóstico, os tratamentos e a calidade de vida das persoas afectadas.
A loita contra o cancro precisa do compromiso de toda a sociedade. A investigación científica é fundamental para avanzar nos tratamentos e aumentar as posibilidades de recuperación; a prevención e a detección precoz poden marcar unha diferenza decisiva, e contar cunha sanidade pública forte, accesible e de calidade é esencial para garantir que todas as persoas poidan recibir a atención que necesitan, con independencia da súa situación económica.
Xunto a estes avances, tamén é imprescindible o apoio social e emocional. Detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, unha familia e unha historia que precisa comprensión, acompañamento e esperanza. Por iso, iniciativas solidarias como esta contribúen non só a apoiar a loita contra a enfermidade, senón tamén a visibilizar a realidade das persoas afectadas e a lembrar a importancia de non deixalas soas.
Coa súa participación nesta cea, o Concello de Santiago de Compostela reafirma o seu apoio a esta causa e recoñece o labor das entidades que traballan na atención ás persoas con cancro, na sensibilización social e no impulso da investigación. A loitar contra o cancro é unha responsabilidade compartida!.
