O Concello de Santiago actuará con todos os mecanismos previstos na lexislación vixente e no contrato do Servizo de Axuda no Fogar fronte á actitude da UTE SIAD 24-Asistenzia. Así o asegurou hoxe a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, tras coñecer que a adxudicataria do SAF lle comunicou ás traballadoras a súa intención de non abonar a nómina correspondente ao mes de setembro. María Rozas non descartou a vía xudicial para garantir os dereitos do persoal e a prestación do servizo “porque en ningún caso imos amparar a actitude da empresa”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais compareceu esta mañá en rolda de prensa e explicou a situación do Servizo de Axuda no Fogar tras coñecer, a través das traballadoras e en ningún momento de maneira oficial a través da UTE, que o persoal non percibiu os seus salarios do mes de setembro. María Rozas aclarou que “é rotundamente falso” que o atraso neste pago sexa responsabilidade do Concello de Santiago. Nese sentido, explicou que o Concello está ao día no pago das facturas á UTE SIAD24-Asistenzia. A día de hoxe, a única factura pendente de pago é a correspondente ao mes de agosto, que foi rexistrada pola UTE o pasado 17 de setembro, “ainda cando tiña a obriga de presentala antes do día 10”. A tenenta de alcaldesa apuntou que o Concello fíxolle varios requirimentos a SIAD24-Asistenzia para que acreditara que está ao día no pago dos salarios, porque esa é unha obriga esencial da adxudicataria, previa ao abono da factura, tal e como se recolle nos pregos de licitación do SAF. Como é coñecido, a UTE ten pendente de abonar a paga extra do verán desde o pasado 15 de xuño.
María Rozas aclarou, ademais, que as supostas tensións de liquidez ás que alude a UTE non están relacionadas co pago por parte do Concello de Santiago. Nese sentido, explicou que SIAD24-Asistenzia opera baixo a fórmula do “factoring”, isto é, ten cedidos os dereitos de cobro sobre facturas pendentes a unha entidade financeira, que lle achega de forma anticipada unha porcentaxe dese importe. É dicir, aclarou a concelleira, “o Concello a quen lle abona as facturas é a unha entidade financeira que xa lle ten adiantado o importe á UTE e, polo tanto, non é crible que adxudicataria se ampare en ningún atraso para xustificar o impago ás traballadoras”.
Ademais, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais insistiu en que a adxudicataria do SAF en Santiago é unha UTE formada por dúas empersas, SIAD24 e Asistenzia “que facturan ducias de millóns de euros cada ano, que teñen importantes contratos en toda Galicia, e que neste mesmo ano asumiron novas adxudicacións”. Para María Rozas, “é sorprendente que unha empresa fale de problemas de liquidez ao mesmo tempo que asume contratos millonarios”.
Sancións e vía xudicial
María Rozas explicou que o Concello está actuando con contundencia fronte “á actitude irresponsable da UTE”, utilizando todas as ferramentas que están previstas nos pregos da licitación. Nese sentido, explicou que está tramitado un expediente de sanción polo atraso no abono da paga extra que pronto será aprobado pola Xunta de Goberno. Ademais, están en tramitación outros expedientes para a imposición de penalidades ante os incumprimentos do contrato.
A tenenta de alcaldesa insistiu en que “ao Concello non lle vai tremer o pulso para iniciar outras accións, mesmo na vía xudicial”. Neste sentido, recoñeceu que “esta non é a solución máis rápida, porque sabemos que a xustiza ten os seus tempos, pero non imos permitir que a UTE continúe sendo irresponsable coas súas traballadoras e non imos amparar este tipo de actitudes”.
Compromiso coas persoas usuarias e as traballadoras
María Rozas lembrou que nas últimas semanas “mantivemos múltiples xuntanzas coa UTE, o comité de empresa e as traballadoras, algunhas delas a tres bandas, e nesas reunións quedou constancia de que a responsabilidade da situación non é do Concello senón da propia empresa”. A concelleira lembrou que é falso que o contrato do SAF se atope nunha situación de prórroga forzosa, “porque falamos dunha prórroga de obrigado cumprimento no contrato asinado por SIAD24-Asistenzia, que nin sequera estamos esgotando no prazo dun ano previsto nese contrato”.
A tenenta de alcaldesa insistiu en que a prioridade do Goberno son “as persoas usuarias e as traballadoras do SAF, e vimos manifestando ese compromiso incrementando notablemente o orzamento dedicado a este servizo”. Neste sentido, María Rozas lembrou que “na licitación do 2024 o orzamento do SAF subiu un 73%, e na licitación que temos en marcha volvimos incrementar esa partida nun 14% ata os 7,2 millóns de euros”. A concelleira foi contundente e insistiu en que “non dedicamos máis orzamento público ao Servizo de Axuda no Fogar para que se enriquezan as empresas, senón para ter o mellor servizo para as usuarias e as mellores condicións laborais para as traballadoras, e iso é o que traballaremos para garantir diante das actuacións irresponsables e impresentables da UTE adxudicataria”.
